Cohempo organiza un concurso de tapas para dinamizar a hostalería pontesa

Un total de once responsables de locais participan na iniciativa, que xa cumpre tres edicións
undefined
photo_camera Asistentes al curso de tapas de As Pontes. EP

Un total de once hostaleiros das Pontes participan estes días nun novo curso de elaboración de petiscos e tapas promovido pola asociación de comerciantes, hostaleiros e empresarios Cohempo, nunha iniciativa que busca dinamizar o sector e fortalecer a oferta gastronómica dos distintos establecementos do municipio.

Conscientes de que os bocados de distintos sabores son un reclamo para os seus negocios e unha forma de diferenciarse, os hostaleiros ponteses traballaron nos fogóns da man de Manu Garea, que exerceu unha vez máis, e xa é a terceira edición, de profesor do curso.

Tapas das Pontes 2 Os participantes elaboraron diferentes receitas, maioritariamente salgadas, pero tamén algúns doces como donuts caseiros ou coulant, na cociña do local social do barrio das Campeiras ao longo de catro días —o curso chega hoxe ao seu fin— en xornadas de catro horas seguidas.

Desde a asociación destacaron que a iniciativa foi un éxito, como nas anteriores edicións que xa se organizaron, e anunciaron que a principios do ano que vén teñen previsto organizar outro curso dirixido á hostalería, pero esta vez centrado na maridaxe da gastronomía local con distintos viños galegos.

Este fin de semana pasado, Cohempo organizou no auditorio municipal Alovi o primeiro Foro Empresarial, no que varios empresarios de éxito contaron os seus proxectos emprendedores.

Nos próximos días, o colectivo pontés, que retomou o Mercado de Oportunidades Vilas das Pontes (Mova) tamén este mes, porá en marcha novas propostas, como a campaña de Nadal do Merca nas Pontes, para potenciar as compras no comercio local, así como outros premios e actividades de animación nas tendas do municipio.

Cohempo conta na actualidade con ao redor de 120 socios entre comerciantes, hostaleiros e pequenos empresarios.

Comentarios