Circula a 240 por hora na A-6 en Begonte e exhíbeo nun vídeo en redes sociais

A Garda Civil identificou o vehículo e o condutor tras detectar a gravación
photo_camera El vídeo detectado en las redes sociales. GUARDIA CIVIL

Un home de 45 anos residente na Coruña foi identificado tras circular a 240 quilómetros por hora pola autovía A-6 ao seu paso por Begonte, un tramo perigoso e de elevada sinistralidade, e difundir un vídeo do momento en redes sociais. 

Atendendo á información divulgada pola Garda Civil, no vídeo pódese identificar o condutor superando os 230 quilómetros por hora, ata alcanzar incluso os 240, nun tramo limitado a 120. 

A Garda Civil apunta nun comunicado que esta zona está considerada "de risco" debido aos numerosos sinistros rexistrados, principalmente polo exceso de velocidade. Precisamente, as autoridades instalaron nesa zona un radar de control de velocidade co obxectivo de tentar rebaixar a accidentalidade.

Tras detectar o vídeo, os axentes identificaron o lugar e a data de gravación, o vehículo utilizado (de alta gama) e, finalmente, o condutor. O home esta investigado por un delito contra a seguridade viaria —ao superar en máis de 80 quilómetros por hora a velocidade máxima permitida nesa vía— e terá que comparecer nun xuízo rápido que se celebrará nos próximos días en Vilalba. 

O condutor enfróntase a unha pena de prisión de tres a seis meses ou unha multa de seis a doce meses, traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días, e, en calquera caso, á de privación do dereito a conducir vehículos (dun a catro anos).