O cineasta Andrés Goteira inaugurará co seu pregón as patronais de Meira

As festas de Santa María e San Roque serán do 13 ao 17 ► Haberá cantos de taberna, actuacións e actividades infantís
Andrés Goteira. EP
photo_camera Andrés Goteira. EP

O director de cine Andrés Goteira será profeta na súa terra e será o encargado de inaugurar oficialmente as patronais de Santa María e San Roque de Meira. O cineasta lerá o seu pregón o 14 de agosto, ás 22.00 horas, na Praza Maior.

Aínda así, o programa de festas arrincará a xornada anterior, a partir das 20.00 horas cunha sesión de cantos de taberna, e os actos prolongaranse ata o 17.

O día 14 haberá misa solemne ás 13.00 horas e a sesión vermú posterior estará amenizada pola banda de acordeóns de Meira. Pola tarde, ás 18.00, a Praza Maior acollerá o espectáculo circense infantil Estrelas Máxicas.

No mesmo escenario, ás 20.30, a banda municipal ofrecerá un concerto e, tras o pregón de Goteira -gañador de 13 Premios Mestre Mateo pola súa película Dhogs-, será a quenda da verbena amenizada por Súper Fabrik e Music Scaffold. Ademais, a medianoite haberá unha sesión de fogos artificiais.

Os pasacalles da charanga Os Trileros abrirá os actos do luns 15, un dos días grandes das patronais. A coral Airiños do Miño de Meira cantará na misa, ás 13.00 horas, e a banda de música local acompañará á procesión. O grupo Lecer tocará na sesión vermú.

Pola tarde haberá xogos para os máis novos e, a partir das 20.00 horas, un concerto da prebanda e o grupo de saxofones de Meira. A verbena correrá a cargo de Lecer e Marbella.

O día 16 ás 12.30 horas será a saída da procesión da igrexa ata a capela de San Roque, acompañada pola banda de gaitas e o grupo de acordeóns meiregos. A continuación será a misa e pola tarde, ás 18.00 horas, haberá unha festa infantil.

A orquestra Cocktail amenizará a sesión vermú e estará tamén na verbena nocturna, que contará ademais coa actuación de Antonio Barros, excantante da orquestra Kubo.

As patronais de Meira –organizadas este ano por Miguel Ángel Rodríguez Portela Miguelín e Ángel López Cazón– chegarán ao seu fin o 17 coa Xira na área recreativa Porto dá Pena. Haberá xogos populares pola tarde e animación musical ao longo de todo o día cunha charanga, un grupo musical e discoteca móbil.

Comentarios