Cine Tomé, moito máis cá gran pantalla

Camelia Iglesias e Xosé Antonio Arias presentan o día 9, no Campo da Feira, un documental sobre a popular sala de Guitiriz
 
2020080618044610967
photo_camera De esquerda a dereita, Víctor Corral, que acudía ás proxeccións dende Baamonde; parte da sala, xa abandonada, e Pepe do Capataz, que foi operador do Cine Tomé. EP

Fai xa sete anos, Xosé Antonio Arias, que sempre tivo unha querencia especial pola recompilación dos relatos da xente que lle dan forma á historia local, compartía con Camelia Iglesias, por aquel entón estudante de Comunicación Audiovisual, a súa inquedanza sobre a posibilidade de pór en valor o que durante varias décadas foi un epicentro social de Guitiriz, o Cine Tomé, tamén chamado Cinema Guitiriz.

Xurdía así o xermolo do documental Cine Tomé, unha raiolada en Guitiriz, unha peza que nos seus 50 minutos de duración debulla o que significou o cine para o pobo a través das testemuñas de case unha decena de persoas, lembrando sucesos, anécdotas, películas... e aproveitando para botarlle tamén unha ollada á propia historia da sétima arte.

Víctor Corral, que acudía dende Baamonde. CEDIDA

"Dende moi novo escoiteille ao meu tío Antonio falar do cine e resultábame moi atractivo lembrar aquela primeira pantalla e recordar o que supoñía para a xente moza daquela época, as emocións que creaba, porque daquela as películas eran abrirse a mundos novos e pensaba que podía dar un documento que quedase aí, facendo memoria para a xente de Guitiriz", explica Xosé Antón Arias, cuxa formación nada tiña que ver co campo audiovisual, polo que buscou unha socia para o proxecto.

"Cando me contou a súa idea, díxenlle que si, facíame moita ilusión", lembra Camelia, que co traballo xa rematado, non só ratifica esas primeiras sensacións ante o documental, senón que tamén fala do "emocionante" que foi o proceso, unha experiencia que Xosé Antonio cualifica como "xenial".

moi bonito e moi triste á vez, porque descobres a súa historia, o que supoñía na vida da xente e ao tempo ves como está a día de hoxe, abandonado, pasando desapercibido, pero aínda ten valor", di unha moza cuxa xeración xa non coñeceu o cine aberto, pero, como dicía Xose Antonio, medrou oíndo historias sobre el.

Parte da sala de proxeccións. CEDIDA

"Descubrimos cousas moi interesantes ao redor do cine, situacións que se daban alí, porque se reunía xente de moitos lugares", conta Arias, lembrando que moita xente acudía andando e outra moita no tren —o cine está na actual Rúa Rosalía de Castro, moi preto da estación— para asistir á sesión do domingo —era a xornada grande, aínda que abría máis días—, "e despois íase ao baile ao Palacio", apunta Camelia.

A familia Tomé construía o cine nos anos 30, aínda que este non comezaría a funcionar ata os 40, e mantívose operativo, pasando por varios donos, ata os 70. Ao longo dese tempo, foron moitos os momentos que quedaron no recordo da xente: un pequeno incendio na sala de proxección que levou a algúns a querer saltar do galiñeiro; o público pateando no chan cando había faios na proxección -as películas, que contan que chegaban no bus, na liña de Ribadeo, tiñan moito uso e viñan deterioradas-; as "pelexas por entrar" para ver os filmes de vaqueiros, que "gustaban moito"... ata que a chegada das pequenas pantallas, entre outros factores, fixo que o público fose a menos e que Guitiriz quedase sen cine.

Estas e outras moitas lembranzas foron as que compartiron con Arias e Iglesias persoas como Carlos Tomé, familiar dos antigos donos do cine; Pepe do Capataz, que foi o operador da sala, ou Víctor Corral, que acudía dende Baamonde. Espectadores da gran pantalla que se converterán en protagonistas dela, aínda que algúns xa non estean para velo, pois as entrevistas foron feitas entre 2013 e 2014, pero as circunstancias persoais e laborais dos promotores do proxecto levaron a deixalo durante un tempo, ata que finalmente o ano pasado decidiron retomalo.

Pepe o capatáz, que foi operador do cine. CEDIDA

"Daquela estaba estudando, así que agora vexo cousas, sobre todo tecnicamente, que faría doutra maneira, pero ao tempo alégrome de telo feito daquela, porque hai testemuñas que hoxe non serían posibles, e iso é moi importante", explica Camelia.

"Esperamos que este traballo axude á xente a lembrar o cine, que foi tan importante para o pobo, e a compartir recordos daquela época", avanza Xosé Antonio sobre un proxecto co que colabora a asociación Xermolos, en cuxas orixes mesmo se debateu se fundala como cineclub.

A estrea, no marco do programa de actos do XLI Festival de Pardiñas será na noite do domingo día 9, no Campo da Feira de Guitiriz.

Comentarios