O Centro de Atención á Muller (CIM) de Palas de Rei, un dos once cos que conta na actualidade a provincia da Lugo, recibiu un total de 5.072 consultas de 808 usuarios dende a súa inauguración no 2009.
A maior parte referíronse a cuestións de asesoramento xurídico (2.131 consultas) e de atención psicolóxica (1.770).Ademais ofreceu servizos de atención ás vítimas de violencia de xénero, orientación para o emprego e divulgación de cursos, xornadas e actividades.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado da Xunta de Lugo, Javier Arias, visitaron o centro, que tamén presta atención a outros cinco municipios da contorna: Antas de Ulla, Friol, Guntín, Monterroso e Portomarín.
A secretaria subliñou a importancia do papel dos CIM na prevención da violencia de xénero, na atención ás vítimas e na concienciación, especialmente nas zonas rurais, que é onde acada máis incidencia.
Ademais a Xunta vén de aprobar unha serie de axudas a iniciativas que tratan a violencia de xénero, das que o centro de Palas vai recibir preto de 84.000 euros.
Estas institucións priorizan a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, e ofrecen tamén servizos a persoas en risco de exclusión social pola súa sexualidade. Ademais tamén atenden as súas familias e achegados.
López Abella aproveitou para coñecer o programa Xogando en vacacións, que organiza actividades de lecer para menores que facilitan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nos períodos de vacacións escolares.