jueves. 24.09.2020 |
El tiempo
jueves. 24.09.2020
El tiempo

A cifra de familias atendidas por Cruz Vermella de Vilalba duplícase pola crise

O departamento social xestiona as doazóns recibidas para axudar a uns 50 usuarios máis

As consecuencias económicas e sociais derivadas da urxencia sanitaria a causa do Covid-19 vanse vendo agravadas co paso das semanas, tal e como constatan no departamento social de Cruz Vermella de Vilalba, onde agora atenden a máis do dobre de familias que antes da crise do coronavirus.

Previamente a esta situación, o departamento vilalbés xestionaba alimentos, a través do Fondo Europeo de Axuda aos máis Desfavorecidos (FEAD), e outras axudas para dez familias. "Agora o número de familias é dunha ducia máis, o que supón medio centenar de persoas a maiores que antes", explica Estefanía Barrio, a traballadora social na capital chairega. "A demanda de axuda non foi nas primeiras dúas semanas, pero a medida que o tempo pasa vai en aumento debido a que hai Ertes sen pagar e xente que perdeu o seu traballo. A situación está a porse tremenda", laméntase.

Por iso, desde Cruz Vermella de Vilalba agradecen todas as doazóns que están a recibir desde que se declarou o estado de alarma a nivel particular e que permitiu facer paquetes para repartir con alimentos e produtos de hixiene e limpeza de primeira necesidade. "Houbo un momento no que entregabamos axudas semanalmente", explica Estefanía Barrio.

Alimentos do restaurante Montero, o Parador de Vilalba e os colexios Terra Chá de Román e Avelino Díaz de Meira; de material de protección e desinfección da ferraxería Pontes; de pantallas protectoras de dous particulares e incluso de roupa de tempada de inverno da tenda As Nubes foron algunhas das doazóns recibidas, xunto ás realizadas por Entrepinares, que suman máis de 1.100 quilos de queixo.

"Cando hai empresas que nos achegan un número moi elevado de produtos, proporciónanos capacidade para repartir por toda a provincia", afirma Barrio, que engade que este tipo de axudas relacionadas coa crise do coronavirus xestiónanse a través do programa Cruz Vermella Responde.

MARATÓN BENÉFICO. A estas iniciativas solidarias hai que sumar a que se celebrará este venres, a partir das 17.00 horas e ao longo de 24 horas consecutivas, nas que soará a través de internet —na plataforma Twitch e na radio online radio.8020lounge.es — en directo a música de cinco DJ vilalbeses: Miguel López, Antonio Currás, Sito, Kiko e Pedro Anido. O obxectivo é recadar fondos para Cruz Vermella de Vilalba. Ademais de achegas económicas, poderase doar alimentos e produtos de hixiene na tenda Click 2.0 e en Tahona Currás.

Entrepinares realiza unha segunda doazón

Entrepinares realiza unha segunda doazón, de 600 quilos de queixo gouda
A planta vilalbesa da firma láctea Entrepinares realizou este xoves unha segunda doazón a Cruz Vermella, á que achegou nesta ocasión 600 quilos de queixo gouda, sumándose aos 523 quilos de produto que doou a mediados de abril. "Estamos moi agradecidos de que pensen en nós para este tipo de doazóns", manifestaron desde Cruz Vermella, mentres que desde Entrepinares aseguran que "entre todos facemos un labor social que é necesaria na nosa contorna e satisfainos".

A cifra de familias atendidas por Cruz Vermella de Vilalba...
comentarios