Chema Felpeto: "A asociación de mulleres de Insua ten un mérito enorme por manter viva a memoria"

A asociación de mulleres rurais de Insua celebra este sábado, día 26, a XI Tasca do Liño na parroquia vilalbesa de Insua, onde o profesor xubilado Chema Felpeto, natural de Alba, exercerá de pregoeiro
Chema Felpeto, na súa casa de Vilalba, o seu lugar de traballo.
photo_camera Chema Felpeto, na súa casa de Vilalba. EP

Vai ser o seu primeiro pregón, como o fai sentir que o elixiran?

Cando Lourdes Otero mo dixo quedei un pouco incrédulo, porque non consideraba que ninguén delegase en min a responsabilidade, nunca fun pregoeiro e non pensaba selo, pero síntome moi honrado de que me tivesen elixido.

Sobre que falará?

Decidín falar do milagre que fixo a asociación, por teren recuperado a cultura do liño e, aínda que eu non sei moito del, do liño en si, falarei sobre todo dos traballos comunitarios e de toda a arte ou a literatura, con coplas, adiviñas, cantigas, contos, etc., que os rodeaba e que facían que houbese harmonía entre o traballo e o ocio. Eu nunca compartín a visión restrinxida que teñen algúns da cultura, centrándoa só na lectura e na escritura. Cousas coma as tarefas do liño tamén o son.

Que destacaría do traballo das mulleres de Insua?

Non é fácil asociarse nos tempos que estamos, sobre todo se as institucións non axudan se non vas acorde aos seus postulados. Cónstame o difícil que lles foi saír adiante, e moito máis aínda sendo unha asociación rural, feminina e enfocada á cultura. Teñen un mérito enorme por manter viva a memoria material e inmaterial.

Comentarios