Chema Felpeto pregoará a XI Tasca do Liño de Insua o 26

A cita servirá para revivir o oficio e a etnografía que tradicionalmente rodeaba esa xornada
García, Veleiro e Otero, na presentación do evento. S.IGLESIA
photo_camera García, Veleiro e Otero, na presentación do evento. S.IGLESIA

O exprofesor vilalbés e membro do Instituto de Estudos Chairegos Chema Felpeto será o encargado de pregoar a XI Tasca do Liño de Insua, que se celebrará o vindeiro sábado 26. Ese día servirá para revivir o oficio e toda a súa etnografía, que "algunha xeración tirou por completo", lamentaba Lourdes Otero, a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, na presentación do evento. 

A representante da entidade estivo acompañada pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e polo diputado provincial Roberto García, que coincidiron á hora de valorar o traballo feito dende a asociación. "De non ser por quen se esforza en conservar estes oficios, as novas xeracións non os chegarían a coñecer", destacaba García, e animaba "a todos" a participar nunha festa "única na Terra Chá e en toda a provincia". 

A xornada comezará ás 11.00 horas coa apertura da exposición fotográfica do Iescha e dos postos de artesanía e pouco despois será a lectura do pregón. Ás 11.45 horas, Elba Veleiro moderará a mesa redonda O liño e os traballos comunitarios, na que intervirán o director do museo Monte Caxado, José María López, e a historiadora Miriam Fernández. 

Actuarán Davide Salvado e Fransy González

Ao longo da mañá tamén se entregarán os premios dos certames de debuxo e de narrativa, os cales deixarán paso á demostración da tasca do liño –ás 13.00 e ás 18.00–, na que os presentes poderán ver de primeira man a extracción da fibra da pranta e "tódalas pólas que saen do liño", dicía Lourdes Otero. Referíase ás cantigas e refráns, á vestimenta, á música "de gaitas, sachos, chifres ou cascas de noz", ás relacións sociais e á transmisión deste tradicional oficio, ademais de "amosar o traballo das mulleres rurais de entón, de como facían todo o traballo da casa e, aínda así pola noite, poñíanse co liño", apuntaba a presidenta da asociación. 

A festa continuará coa actuación de Raiceira, o xantar popular –para anotarse, chamar ao 696 61 84 54– e a música das cantareiras da asociación cultural Airiños de Orbazai, de Fransy González e Davide Salvado e o conxuro da queimada a cargo de Manuel Ferreiro, que pechará unha cita do presente "sen saír do tradicional", concluía Lourdes en nome das mulleres rurais de Insua.

Comentarios