En primeira persoa

Charly: "Gustaríame gañar a final galega, é o que me falta"

Son Carlos Crecente, pero todos me coñecen como Charly, como me comezou a chamar Maseda de neno. Nacín na Ponte de Outeiro, vivo en Moncelos e teño moita relación con Muimenta, onde meu pai tiña unha autoescola. Ademais de ser billardeiro, xogo ao tenis dende pequeno, deporte do que levo 20 anos sendo adestrador, e organizo unha ruta BTT en Muimenta. 
undefined

Acaba de gañar a Liga Nacional de Billarda (LNB) na Conferencia Norleste e xa suma cinco títulos, din que é o palanador máis laureado, pensa en retirarse no máis alto?

Non, por agora non. Vouno seguir intentando, como Nadal, a ver o que consigo.

Algún obxectivo por cumprir?

Gañar a final galega, que é o título que me falta, e defender o de campión vixente de varados. Ía ser o 29, pero aprazouse ata que rematen as outras conferencias.

Os abertos sempre teñen premios moi orixinais e leva gañado uns cantos, ten algún favorito?

Non, porque son todos diferentes, pero algúns son só comida e fastidiame non ter un trofeo para telo de recordo, porque así o miras e acórdaste da competición. A comida cómela e acabouse. 

Viñera un profesor ao colexio de Abadín que nos ensinara a xogar á billarda, acórdome porque eu dun golpe rompera un cristal

Xogaba de pequeno?

No colexio de Abadín viñera un profesor que nos ensinara. Acórdome perfectamente porque dun golpe rompera un cristal. Non volvera xogar ata que hai once ou doce anos Ismael me preguntou se quería ir con el a un aberto á Pontenova. Dende aquela creamos o equipo Carabullo e non paramos ata hoxe.

Xoga ao tenis dende neno, en que se parece á billarda?

O movemento no golpe de dereita é moi parecido, así que algo si que me aporta, pero tamén hai nenos que lle dan moi ben e nada teñen que ver co tenis.

Que destacaría da billarda?

Sobre todo que fas amizades moi variadas, coñeces xente da túa idade, pero tamén máis nova e máis maior. Na billarda todos somos iguais e levámonos ben, iso é o fundamental, o bo ambiente que hai. Dáme moito gusto chegar e que veña un señoriño de 80 anos darme a man e aí botamos un cacho falando, coma se fosemos amigos de toda a vida.

Sempre digo que teño visión billarda, hai días que a vexo mal e outros coma se dese voltas a cámara lenta, eses son os bos

Cal queda, o bo golpe ou o erro?

Os bos, cando son definitivos, cando che sae ben no último momento, é do que te acordas, coma un golpe directo en Remourelle hai xa uns anos, no último día, ía terceiro, perdía por oito puntos e acabei gañando.

Cal é o segredo para conseguir un varado?

Estar moi concentrado. Eu sempre digo que teño visión billarda. Hai días que a vexo mal e outros coma se dese voltas a cámara lenta. Eses son os bos.

As manías e supersticións son un clásico, ten algunha?

Teño tantas... Na billarda colocar sempre o pé esquerdo da mesma maneira e a unha distancia determinada da billarda. 

As billardas faimas meu pai á man, el xa sabe como ten que facelas, lévamas preparando dende o primeiro día

O palán e a billarda, cómpraos ou fainos?

O palán cómproo, é o mango dun sacho adaptado, e as billardas faimas meu pai á man. Dígolle se é para xogar en herba, en cemento... e el xa sabe como ten que facela, lévamas preparando dende o primeiro día.

Que balance fai desta tempada?

Empecei fatal, pasada a metade ía no posto 20. Pero despois empecei a facer moitos puntos, pasei a estar entre os cinco primeiros e vin que tiña posibilidades. A moraleja: nunca hai que desistir.

E para a próxima?

O obxectivo é volver quedar ben por equipos e sumar algún integrante novo. A ver se se anima alguén, Carabullo está aberto a quen queira probar.

Comentarios