Recunchos a descubrir

Charca dos Patelos: Augas sanadoras nun roteiro xermadés con historia

Este manancial, un dos principais elementos da Ruta dos Pasos da Pontenova, foi construído no lugar dunha antiga fonte en Candamil á que acudían os antergos polas súas propiedades curativas
Charca dos Patelos, en Candamil. MARTA MANCEBO
photo_camera Charca dos Patelos, en Candamil. MARTA MANCEBO
PATELOS PONTENOVA CANDAMIL 17O lugar
No quilómetro 11 da LU-861 hai que coller a estrada que conduce a Xermade, despois duns metros aparece unha pista á man esquerda que dá acceso á charca. A zona está rodeada dun peche de chantos.
Parada obrigada
Este reclamo, que pertence á parroquia de Candamil, é unha das paradas obrigadas da Ruta dos Pasos da Pontenova, un pequeno roteiro circular de apenas 600 metros.
Patrimonio etnográfico
Dentro da camiñata, tamén se pode contemplar o Cruceiro do Barro, que foi colocado pola familia do mesmo nome, natural de Burgás.

As propiedades curativas dunha antiga fonte de Candamil, á que os antergos se achegaban regularmente para empregar o líquido que manaba dela para lavarse e mellorar así os seus problemas de pel, entre outras utilidades, é a orixe da Charca dos Patelos.

PATELOS PONTENOVA CANDAMIL 14Este manancial, próximo ao río Trimaz e ao LIC Parga-Ladra-Támoga, ofrece un espazo para mollarse, pero tamén conta cunha ampla zona recreativa e de ocio, con varias mesas para merendas, e rodeado todo dunha frondosa e fermosa vexetación.

Esta charca, creada para o goce dos veciños e dos visitantes, é un dos elementos principais dun roteiro de algo máis de medio quilómetro que conduce ao camiñante a outro curioso enclave.

Os pasos da Pontenova é unha antiga obra civil creada hai moitos anos para sortear as augas do Trimaz nas épocas de enchente, e que tamén axudaba a enlazar as parroquias de Candamil e de Burgás, ademais de dar paso a outros moitos lugares. PATELOS PONTENOVA CANDAMIL 5

Por ese remoto camiño empedrado sobre as augas, que tamén está cheo de natureza virxe, transitaban animais, persoas e ata carros, e agora poden seguir facéndoo todos aqueles curiosos que queiran descubrir este chamativo recuncho xermadés.