Chaira e mar, a tiro de cana

Nado en Bilbao e asentado en Castro de Ribeiras de Lea, Arkaitz Expósito quere achegar a súa máxima afección, a pesca, a toda a Terra Chá, así que puxo en marcha Os Curriolos
Arkaitz Expósito. EP
photo_camera Arkaitz Expósito. EP

 A paixón polo medio acuático vénlle de ben novo, de cando cuns "nove ou dez anos" madrugaba para saír co seu pai a pescar ás augas de Bilbao. 

Anos despois, a afección séguelle con máis saúde ca nunca. Dende Castro de Ribeiras de Lea, Arkaitz Expósito resta os días da semana que lle quedan para volver pescar, sempre e cando non lle "reñan na casa", bromea. Tanto e así, que xunto a outros 13 chairegos "de Castro, de San Martiño de Corvelle ou de Lagoa" deulle forma á agrupación Os Curriolos coa que, en colaboración coa firma Lucus Fishing, procurarán achegar a arte da pesca a todo aquel que queira. "Non é necesario ter nocións de pesca", di Arkaitz, quen engade que para adentrarse nese universo tan só é preciso poñerse en contacto con el e acudir con "ánimo, ganas de pasalo ben e de aprender e co material necesario".

O medio no que este chairego de adopción exerce a súa afección tanto é o mar —sobre todo pola Mariña lucense— coma a auga doce da comarca. "Pesco moito e moi ben no Miño ao seu paso por Xustás, porque nese tramo é moi amplo, e tamén no Anllo, en Moncelos", especifica un apaixoado da cana que denuncia a "falta de concienciación" cos ríos na Terra Chá, os cales reciben "moita contaminación por culpa de catro que nos acaban prexudicando a todos", afirma.

Arkaitz é un fixo dos concursos do club Rodeo de Ribeira Piquín, dos da Pontenova ou da sociedade río Ladra de Begonte

E logo de tanto tempo adicado á pesca —forma parte do club Mergullo de Viveiro, do Cormorán de Ribadeo ou da asociación Amigos do Miño e é un fixo de concursos coma o do club Rodeo de Ribeira de Piquín, o da Pontenova ou o do río Ladra en Begonte— , o que máis destaca é a captura da robaliza, "a raíña de todas", porque se pesca na rompente, onde é algo máis perigosa a súa práctica. Un dos exemplares que mostra máis orgulloso é un de 6,1 quilos "e escapóuseme un de oito quilos", lamenta.

Arkaitz Expósito anima a todos a desfrutar dunha actividade na que "desconectas e incluso che deixa tempo para pensar", mentres segue coa mente posta en proxectos futuros e en inculcarlle "nun futuro" a súa afección á súa filla, Naevia. Polo momento xa o conseguiu co seu sobriño e agarda seguir sumando seareiros aos Curriolos e á arte de tirar a cana.

Comentarios