O centro ocupacional vilalbés abre un novo mercado con Inditex

Os usuarios crean un Bosque de Nadal para decorar o comedor de Zara Loxística, en Arteixo, e o obxectivo é vender os deseños ao público
Usuarios do centro ocupacional de Vilalba cos seus deseños. EP
photo_camera Usuarios do centro ocupacional, coas árbores que deseñaron. EP

Os usuarios do centro ocupacional Vilalba-Terra Chá continúan co seu labor e, pese ás dificultades, acaban de abrir un novo mercado, que arranca con Inditex ao encargarse da parte da decoración navideña do comedor de Zara Loxística, en Arteixo.

No taller de carpintería, os usuarios deron forma a un Bosque de Nadal, un deseño orixinal formado por varias árbores de madeira de pino autóctono, que a partir do ano que vén pretenden comercializar ao público en xeral.

O centro encargouse do deseño, da creación e da instalación do bosque. "A dirección de Zara Loxística e os servizos xerais de Inditex respaldaron en todo momento as propostas do centro, que procurou buscar un deseño que puidese implicar a un gran número de persoas, especialmente ás que teñen maiores necesidades de apoio. O deseño precisou todas as tarefas do preparado da madeira e, polo tanto, un traballo proactivo con mellores resultados terapeúticos, ocupacionais e de inclusión", indican no centro, e destacan que o comedor de Zara é un grande escaparate polo que pasan preto de 1.500 persoas ao día. "Recibimos moitas consultas para interesarse e as árbores estarán a disposición do público baixo pedido de cara ás festas de 2021", aseguran.

O centro vilalbés conta con 32 usuarios de Vilalba, Cospeito, Xermade, Guitiriz, Muras e Lourenzá, dos que actualmente están acudindo o 90%. Pechou o 16 de marzo polo estado de alarma e reabriu o 15 de xullo nun intento de recuperar a normalidade. Aínda que se prescinde dalgunhas actividades, os obradoiros de serigrafía, carpintería e xardinería continúan.

Para o centro, "foi un reto ilusionante e o resultado, inmellorable. Ábrese unha vía de colaboración con Zara Loxística e coa empresa Verde Cúbico, responsable da organización, que de seguro continuará", valoran, e transmiten unha mensaxe de agradecemento e ánimo a toda a sociedade "nestes momentos difíciles".

Centro ocupacional Vilalba (3)

Comentarios