O centro de maiores de Meira abrirá no outono con 30 prazas para residentes e 20 de día 

A Deputación de Lugo adxudica os servizos básicos da residencia
La residencia de mayores de Meira. ARCHIVO
photo_camera A residencia de maiores de Meira. ARQUIVO

O centro de maiores de Meira entrará en funcionamento "a finais de setembro ou principios de outubro" con 30 prazas para residentes e 20 para usuarios de día. Así o avanzou este venres a deputada de Réxime Interior da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, tras a reunión da xunta de goberno que deu luz verde á adxudicación dos servizos básicos da residencia. 

En concreto, o contrato de máis 620.000 euros para as tarefas de cociña, limpeza e asistencia foi a parar á empresa Troncoso Casares. Segundo o Goberno provincial, o centro abrirá a finais "do mes de setembro ou a principios de outubro" e converterase no sétimo da rede provincial, xunto cos de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita. 

García Porto remarcou que o ente provincial realizou estas infraestruturas "sen contar" coa colaboración da "administración que por lei ten as competencias en servizos sociais". "A Xunta non apoia a Deputación na construción nin no apoio deste servizo básico", puntualizou. 

O centro de atención a maiores de Meira contará con 30 prazas de residencia —ampliables a 38— e 20 para o centro de día. Terán prioridade os veciños e veciñas do municipio, despois os de concellos limítrofes e, en terceiro lugar, estenderase a toda a provincia.

Comentarios