O centro de dinamización empresarial pontés xera 48 postos de traballo

As nove empresas situadas nas instalacións de Seara facturan 3,9 millóns de euros
undefined
photo_camera Noemí Bouza, Carolina García, Noelia Cabarcos e Antón Cabaleiro, no espazo coworking. C. ARIAS

O centro de dinamización empresarial e incubadora de empresas que a asociación Seara inaugurou hai doce anos no polígono industrial de Penapurreira nas Pontes acolle na actualidade nove empresas, que xeran case medio centenar de postos de traballo -48 concretamente entre todas- e un volume de facturación de 3,9 millóns de euros ao peche de 2020.

"Nestes anos pasaron por aquí ao redor dunha trintena de empresas", indica a directora de Seara, Carolina García, que destaca que o centro de dinamización pontés "non é un centro no que a rotación sexa moi rápida". "Adaptámonos nós ao crecemento da empresa para acompañala ata o momento no que estea madura para situarse fóra", explica a directora dun centro no que a adaptación non é só teoría.

Chegaron a tirar tabiques para reorganizar as instalacións ás necesidades das empresas incubadas -algunhas, como Intacta, Evasa ou Biomasa Forestal son xa proxectos consolidados con grandes naves no mesmo polígono industrial- e nunca deixan de innovar. Ademais, á parte dun local para asentarse, ofrecen ás empresas espazos para usar como centro de negocio mentres constrúen as súas naves, o que lles permite acelerar desde o municipio a selección de persoal e levar un control in situ das obras.

O centro de dinamización empresarial pontés conta actualmente con sete oficinas e dúas naves

O centro de dinamización empresarial pontés, que conta con sete oficinas e dúas naves -actualmente quedan libres dúas oficinas e outros espazos que se poderían habilitar se fose necesario-, acaba de estrear nova imaxe e unha sala coworking.

"Cambiamos todo o chan cunha axuda da Deputación da Coruña e reformamos a recepción para ofrecer unha imaxe máis profesional e un espazo máis aberto, cunha zona de unión máis informal onde se poidan crear sinerxías e colaboracións entre a xente que traballa aquí", di Carolina García. As obras financiáronse cunha partida duns 10.000 euros, que incluíron tamén a nova sala coworking.

"Para nós era algo importante. Había moito autónomo e freelance que necesitaba un espazo que ademais de poder traballar se lle permitise saír de casa e ter un punto de reunión e para xerar sinerxías. Trátase de colaborar e para algúns tamén de ter compañeiros de traballo", di a directora de Seara, que indica que aproveitaron o parón da pandemia para facer os cambios.

"Foi unha época de adaptación e reinvención", precisa a directora de Seara, mentres explica que aínda que o centro de dinamización non se chegou a pechar durante a pandemia si se freou o ir e vir de xente porque se impulsou o teletraballo. Durante esa época, desde a asociación de empresarios promoveron formación online, centrada sobre todo na venda, a mercadotecnia e as redes sociais e a imaxe de marca.

Pero a presencialidade recuperouse pronto. "É un sitio amplo, creamos contornas seguras, cos protocolos covid e a purificación de ambiente", di.

EMPRENDEMENTO. "O emprendemento é algo cíclico, cando hai crise arríscase máis e iso ten un dobre fío e o noso labor principal desde Seara é que os emprendedores sexan conscientes da realidade á que se enfrontan", valora a responsable.

Seara suma na actualidade 52 socios e forma parte do grupo de traballo da Mesa de Transición Xusta das Pontes. "Apoiamos todas as propostas pero sempre tivemos claro que a nosa liña de traballo é prestar servizos e potenciar e facer esforzos para atraer novos proxectos de investimento para As Pontes. É é o granito de area que podemos achegar para intentar axudar", di Carolina García.

Diversidade: de autónomos a industria e construtoras
No centro de dinamización empresarial están situadas nove empresas e autónomos de sectores moi diversos: Construcións Fego Atlántico, Eumenet (de diesño web), Noemí Bouza (maquilladora), Noelia Cabarcos (organización de eventos), Antón Cabaleiro (produción audiovisual), Imeh (industrial, equipos e ferramentas), Gedos Consultores e Blindaxe (espinilleras de fibra de carbono), que a pesar de trasladar a produción a Narón mantén a sede.

Dous máis
As próximas incorporacións son dúas firmas de renovables.

Comentarios