O cemiterio de Roupar acolle unha emotiva homenaxe a Desirée Leal

O pai da pequena organizou o acto polo que sería o seu noveno aniversario e pediu "estar todos unidos contra quen cometen violencia"
2020071911370120801
photo_camera Un momento da misa por Desirée Leal. M.R.

"Cando perdes a vida como o fixo a miña nena, non a perdes, róubancha, e con ela róubanse tres vidas: a súa, a miña e a que nos quedaba por vivir xuntos. E iso é realmente cruel e duro, porque no meu caso é seguir morto en vida", foron as palabras de José Manuel Leal antes de despedirse de todos os presentes na homenaxe que organizou para recordar á súa filla, Desirée Leal, falecida o pasado 3 de maio de 2019 presuntamente a mans da súa nai en Muimenta.

O acto, celebrado no cemiterio parroquial de Roupar, en Xermade, congregou a preto dun centenar de persoas, que quixeron arroupar ao pai da pequena e ao resto da familia nunha data próxima ao aniversario de Desirée.

2020071911370151200"O pasado día 15 cumprirías nove anos e hoxe dalgún modo aquí tamén queremos celebralo. Gustoume facelo como che gustaba a ti, cos teus curmáns, tíos, avós e comigo soprando as velas da túa torta, pero a realidade é triste e diferente e aínda que ti non estás aquí sei que sentirías feliz ao ver canta xente está aquí hoxe comigo e contigo", quixo dicirlle José Manuel á súa filla e recordou que a todos lles unía o recordo da pequena.

"Non hai día, hora nin minuto que non che teña presente, o meu princesita. Oxalá puidese ser o teu Superman, como ti me dicías, logo de ver xuntos a película, e estar cando máis necesitabas. Perdóame, o meu amorcito, o meu Desiña, o meu Desirée", relatou o seu pai, roto da emoción.

José Manuel Leal tamén se dirixiu aos presentes e quixo destacar que "a violencia é violencia sen importar o xénero e quen a cometa" e pediu estar «todos unidos contra quen cometen tales barbaridades e así conseguir apartalos do resto da sociedade para sempre», en referencia ao "brutal asasinato" de Desirée.

Ademais, tivo múltiples palabras de agradecemento, non só para a súa familia, amigos e todas as persoas que lle mostraron o seu apoio -a asociación Alexia Ensínanos, negocios que colaboran na recadación solidaria de venda de pulseiras e camisetas, taxistas e transportistas cos carteis co logo de Desirée...-, senón moi especialmente aos "grandes profesionais" do 061 que "ese fatídico día intentaron devolverlle a vida á miña nena, cando xa era imposible" e á Garda Civil, que "dunha forma ou outra participaron e participan en intentar por todos os medios axudarnos a esclarecer os feitos".

O caso continúa en fase de instrución e pendente de varias probas

O caso pola morte da pequena Desirée Leal, polo que a súa nai, Ana Sandamil, é a única investigada como presunta autora dun delito de homicidio ou asasinato, atópase aínda en fase de instrución, case 15 meses despois do fatídico suceso.

José Manuel Leal confirmou que a investigación aínda segue en marcha e que hai pendentes os resultados de varias probas.

Así, aínda non hai prevista data para o xuízo, que será con xurado popular. Mentres, Ana Sandamil segue interna no módulo de psiquiatría da prisión de Teixeiro.

Comentarios