O Ceip Virxe do Corpiño sobe a súa matrícula un 130%

O colexio de Begonte pasará o próximo curso de 51 a 63 alumnos, terá unha segunda aula de educación infantil e un docente máis
Escolares del Ceip Virxe do Corpiño, con sus gallinas. EP.
photo_camera Escolares do Ceip Virxe do Corpiño, coas súas galiñas. EP.

"O aumento da matriculación de alumnado non noso centro foi dun 130% con respecto ao curso anterior, o que nos permite aumentar o número total de alumnado do colexio nun 25% a partir de setembro", destacan desde o Ceip Virxe do Corpiño de Begonte, un dos dous colexios do municipio chairego, sorprendidos pero tamén "moi contentos" pola boa resposta das familias á súa oferta lectiva.

"Chegamos a ter anos sen novas matrículas e a día de hoxe temos 16 nenos novos inscritos para o próximo curso, o que para un colexio como o de Begonte, e máis nos tempos que estamos, é unha sorpresa moi agradable", precisa o director do centro, Eliseo Real, que destaca a importancia deste feito, xa que trae consigo "unha mellora da calidade educativa a todos os niveis e tamén máis recursos para o colexio".

Así, a primeira consecuencia do incremento de matrícula, de 51 a 63 alumnos, é a creación dunha nova aula de infantil. Ata agora, os escolares de tres, catro e cinco anos compartían clase, e agora pasarán a repartirse e os de tres terán unha unidade propia. Isto leva a incorporación dun novo profesor, que eleva a once o persoal docente do centro.

O director do Ceip Virxe do Corpiño cre que hai varias razóns para xustificar esta aposta polo seu colexio que fixeron familias da contorna, pero tamén de Baamonde, Rábade ou incluso Lugo, pero destaca especialmente o labor realizado no último ano desde o centro educativo e desde o Anpa As Faias "para ofrecer unha nova visión do colexio".

"Cremos que o traballo que se está a facer gusta fóra da nosa comunidade educativa", explica Eliseo Real, que recorda que a servizos cos que xa contaban, como o transporte escolar ou o comedor, o próximo curso sumarán, coa colaboración do Concello de Begonte, o programa Madrugadores, demandado polas familias.

Ademais, levan tempo apostando por unha formación integral, complementando o traballo nas aulas con múltiples proxectos, como os desenvolvidos desde a biblioteca coa súa mascota, Faiuco, como progatonista, que incluso foron distinguidos pola Xunta e comprenden aspectos tan diversos como a historia ou o coñecemento doutras culturas.

Tamén crearon un espazo Maker, participan no proxecto Digicraft, contan cun horto escolar e teñen un galiñeiro no patio. Outra das novidades foi a posta en marcha da Escola de Nais e Pais.

Comentarios