Ceip A Magdalena: debuxos para facer equipo

O alumnado de primeiro de Primaria A do colexio pontés recibe un premio no I Concurso Olla a Palabra do Día convocado pola RAG e a Fundación Barrié
Mural premiado do Ceip Magdalena das Pontes. EP
photo_camera Mural premiado do Ceip Magdalena das Pontes. EP

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié veñen de premiar a aula de 1º de Primaria A do Ceip A Magdalena das Pontes no I Concurso Olla a Palabra do Día, convocado a través do Portal das Palabras, coa colaboración do colectivo docente Galiza Visual.

O certame no que concorreu o colexio pontés, entre case un cento de centros galegos máis, buscaba incentivar a creatividade e o enfoque conceptual do alumnado, que debía de poñer imaxes ás palabras do día dedicadas ao Día da Nena, ao Samaín, á protección ambiental e ao protagonista das Letras Galegas 2020, Ricardo Carballo Calero.

No caso da Magdalena, que foi recoñecido cun meritorio segundo premio na categoría de Primaria 1 (de 1º a 3º) —o primeiro premio recaeu na aula de 3º de Primaria do Ceip Daría González García, de Pontevedra— os seus alumnos tiñan que debuxar conceptos relacionados coa celebración do Samaín como calecú, campá, tebra, alén, ánima, tradición ou medo.

"O que fixemos primeiro foi explicar as palabras, traducilas nos casos nos que foi necesario e despois nunha folla foron facendo cada un o seu debuxo", explica a titora, Eva Blanco, moi satisfeita por este recoñecemento que chega nun ano especialmente complicado para o alumnado e os docentes.

"Animámonos a participar para facer algo diferente. Este ano no que temos que estar separados, privándonos de case todas as celebracións ordinarias, era necesario facer equipo", indica Eva, que unha vez que tivo todos os debuxos, foron os 24 alumnos desta clase pontesa os que decidiron escoller cal representaba mellor cada palabra.

Despois plasmaron eses debuxos nun mural conxunto, no que cada un tivo un papel fundamental. «Algúns pintaron, outros debuxaron, outros fixeron as letras...», vai enumerando a mestra, que recibiu moi contenta a noticia do galardón.

E por suposto os protagonistas tamén. "Ao principio estaban un pouco desconcertados porque non tiña nada que ensinarlles que demostrase que gañaran, pero están moi contentos e moi sorprendidos", afirma Eva.

A recompensa conquistada polo Ceip A Magdalena nesta primeira edición do Concurso Olla a Palabra do Día da Real Academia Galega e a Fundación Barrié consistirá en material de debuxo, como cadernos, ceras ou rotuladores para que os alumnos poidan utilizalos e encher de cor un ano tinguido de gris polo coronavirus.

Comentarios