Unha comarca con catorce ríos e unha afección

Esta tempada hai expedidas preto de 2.000 licenzas de pesca, cuxos titulares dispoñen duns 150 quilómetros de cauces autorizados para esta práctica, dos que case 120 son de coutos
David Vázquez, na zona de pesca libre do río Requeixo, en Guitiriz. C. PÉREZ
photo_camera David Vázquez, na zona de pesca libre do río Requeixo, en Guitiriz. C. PÉREZ

Ata o 31 de xullo, dende unha hora antes do amencer ata unha hora despois do solpor, os afeccionados á pesca fluvial poden acudir ás masas de auga nas que a Xunta autoriza esta práctica, tanto libres coma en coutos. As case 2.000 persoas que contan con licenza esta tempada poden gozar en 14 ríos das comarcas de Terra Chá e de Meira e nas Pontes.

Vilalba ten o maior número de permisos, con 453, seguido das Pontes (341), Castro de Rei (239), Guitiriz (210), Cospeito (196), Begonte (147) e Abadín (107). Muras, con 23, é onde menos se expediron, superado por Pol (32), Meira (41), Ribeira de Piquín (46), Xermade (62) e A Pastoriza (67).

Moitos destes pescadores están integrados nas cinco sociedades da zona: Río Ladra, Río Parga, Rodeo, Amigos do Miño e A Venatoria. Todas elas, ademais do CIT da Pontenova (en Ribeira de Piquín), colaboran coa Xunta na conservación dos coutos de pesca.

E se hai unha captura estrela na volta, esa é a troita, con 14 coutos nunha decena de ríos que suman 117,18 quilómetros: 112,9 para a pesca clásica e tres deles con zonas sen morte —dous quilómetros no Rodil, 1,8 no Ladra e 0,48 no Parga—. A eles súmanse 33,47 quilómetros totais de tramos de pesca libre sen morte : Anllo (4,2 quilómetros), Azúmara (7,6), Eume (4,1), Madalena (2,3), Miñotelo (7,9), Miño (0,47), Rodil (2,8), Támoga (0,8) e Trimaz (3,3).

O número de capturas por xornada e persoa é de catro ou seis troitas, segundo o couto, e aínda que se pode fixar un número distinto de permisos en día laborable ou festivo, o único da zona onde se aplica é no das Pontes, no Eume, con sete en laborables e 19 en festivos. No resto, van dos oito do couto de Muras, que é ademais o único que permite capturas dun mínimo de 17 centímetros —nos outros son de 19 ou 21—, aos 35 do río Ladra no couto de Begonte.

REO E SALMÓN. Aínda que a troita sexa a gran protagonista da pesca na zona, non é a única que se pode capturar. As augas do Eo en Ribeira de Piquín, dende a pasarela da Volta da Teixeira e ao longo de 52 quilómetros ata a zona da desembocadura, son unha das 21 masas salmoneiras de Galicia.

O reo tamén ten o seu oco no Eume, en 13 quilómetros que chegan á presa do encoro pontés, e no Sor, que ten 43 quilómetros, con afluentes incluídos, dende o seu nacemento entre Muras e As Pontes ata o límite superior do couto de Ribeiras (Mañón e O Vicedo).

Comentarios