Castro de Rei recibe os títulos da concentración parcelaria de Ramil

A reestruturación conclúe con 470 leiras das 1.665 iniciais. O Concello xa solicitou a de Viladonga e está en marcha a de Triabá
2020070212515462507
photo_camera Momento da entrega dos títulos de propiedade. S. IGREXA
O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, recibiu este mércores de mans do director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, os títulos da concentración parcelaria da parroquia de Ramil, que finaliza así tras máis dunha década desde a súa aprobación inicial.

Esta reorganización deu como resultado 470 novas parcelas, das 1.665 que había, que viron incrementada a súa superficie nun 240%, pasando dos 4.600 aos 15.800 metros cadrados por leira, tal e como cifran desde a Xunta de Galicia, e afectou a 803 hectáreas. Así mesmo, os 250 propietarios, que tomaron posesión provisional das novas parcelas en 2011, serán citados proximamente polo Concello para recoller os seus respectivos títulos.

O proceso de reestruturación neste municipio súmase aos xa finalizados en Pacios, Prevesos, Santa María de Outeiro, Bazar, Santa Locaia, Goberno, Ansemar, Quintela, Balmonte e San Xiao de Mos -neste só falta a entrega de títulos- e o que xa está en marcha en Triabá. O de Viladonga está solicitado.

"É unha satisfacción recibir os títulos desta concentración e que a Xunta promovera tantas reestructuracións durante estes anos", afirmou o rexedor, á vez que destacou que se trata dun impulso para un concello que está entre os máximos produtores de leite de Galicia e que xa conta na actualidade coa metade da súa superficie total -176 quilómetros cadrados- concentrada.

Comentarios