Castro de Rei licita por 3,6 millóns a xestión da residencia de maiores

O novo contrato terá unha duración de catro anos, prorrogables a dous máis. O prazo para presentar as ofertas acaba o 13 de abril
Francisco Balado. M.R.
photo_camera Francisco Balado. M.R.

O Concello Castro de Rei iniciou o procedemento para sacar a licitación a xestión integral da residencia de persoas maiores San Xoán, situada na capitalidade municipal e que ata agora estaba adxudicada á Fundación Mensaxeiros da Paz. O novo contrato terá unha duración de catro anos, que serán prorrogables a dous máis, e un orzamento máximo de 3.608.651,53 euros (2.982.356,64 euros de base máis 626.294,89 de Iva).

“Do que se trata é de regularizar o contrato da residencia de maiores”, explicou o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado. Neste sentido, apuntou que a xestión do centro adxudicouse no seu día cunha “especie de convenio” a Mensaxeiros da Paz e que esta entidade “cumpriu coas condicións e a cousa quedou así e continuamos con ese contrato”.

é por iso que agora o Concello busca regularizar a situación para adecuar esta adxudicación á Lei de Contratos de 2016. “é un servizo público que está adxudicado en base a unha normativa anterior e do que se trata é de actualizalo á normativa actual”, comentou Balado.

A principal condición, segundo indicou o rexedor de Castro de Rei, é que o prezo mínimo que debe abonar o adxudicatario é de 8.150 euros ao mes. “Todas as ofertas que igualen ese canon ou o superen valoraranse”, dixo.

A residencia de maiores San Xoán ofrece un total de 53 prazas, das que 34 son de residencia

O prego de cláusulas administrativas particulares e prescricións técnicas pódense consultar no perfil do contratante da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, podendo acceder ao mesmo desde a páxina web municipal (http://castroderei.gal)

Os interesados poderán solicitar información adicional cunha antelación mínima de seis días á finalización do prazo de presentación de proposicións. Ademais, o regulamento de réxime interno da residencia está publicado no BOP do 15 de novembro de 2017.

A data límite para iso é de 26 días naturais a contar desde o día seguinte á publicación deste anuncio no perfil do contratante, que se fixo o martes 17. Así, o prazo finaliza o 13 de abril ás 14.00 horas. As ofertas deberán presentarse no rexistro xeral do Concello.

A residencia de maiores San Xoán ofrece un total de 53 prazas, das que 34 son de residencia e 19 destínanse a persoas con discapacidade grave.

Comentarios