Case unha vintena de firmas reservan chan no futuro polígono de Feira do Monte

O Concello e Suplusa prevén que o parque industrial comece a executarse a mediados de ano

Vista de Feira do Monte. AEP
photo_camera Vista de Feira do Monte. AEP

O Concello de Cospeito e Suplusa, a sociedade urbanística da Deputación de Lugo, converteron o polígono industrial de Feira do Monte "nunha realidade". Así o manifestou o alcalde cospeités, Armando Castosa, á vez que explicaba que máis de 30.000 metros cadrados da extensión total xa están reservados por 17 empresas. Estas firmas abonaron un depósito superior a 30.000 euros, ao ingresar a correspondente fianza dun euro por metro cadrado.

Os terreos que comprenderá o novo parque industrial teñen unha superficie de 104.559 metros cadrados, que se destinarán a parcelas, zonas verdes e aparcadoiros. A firma da acta previa de ocupación xa está formalizada e, con ela, o acceso á superficie expropiada. Prevese que as obras se inicien a mediados deste ano, logo de aprobar os pregos, sacar a concurso a execución dos traballos, que as empresas presenten as propostas e a súa debida autorización.

En canto á compensación económica, o importe destinado aos propietarios das 87 leiras afectadas ascende a 190.564 euros que abona integramente Suplusa. Unha ampla maioría dos titulares das leiras xa recibiron a súa correspondente contía, mentres que os que aínda non asinen o acordo de expropiación ou recorran a alegacións "teñen o diñeiro asegurado no depósito", apuntou Castosa. En canto ao valor das propiedades, o rexedor explicou que "aumentou considerablemente ao pasar de só rústico a industrial e, dependendo da situación da leira, recibiron ata dous euros polo metro cadrado".

Para o rexedor de Cospeito, "este é un dos piares nos que se baseou este mandato e un proxecto cargado de ilusión" que se sostén na boa situación da zona -situarase na marxe dereita da estrada LU-111 de Feira do Monte a Rábade-, "en pleno corazón da Terra Chá, a carón dunha das vías máis transitadas e a dez minutos da autovía A-6". á súa vez, Castosa agradeceu a dispoñibilidade por parte dos veciños e propietarios afectados, así como o apoio e a rapidez coa que interveu Suplusa "e, en concreto, o presidente Manuel Martínez, e o consello de administración", engadiu.

Pola súa banda, desde o órgano dependente da Deputación manteñen "o impulso aos polígonos que hai proxectados na provincia, cumprindo así unha das funcións que lle foron encomendadas á sociedade urbanística", manifestou Manuel Martínez.

Comentarios