sábado. 24.08.2019 |
El tiempo
sábado. 24.08.2019
El tiempo

Carrilanas e velocidade en Abadín

Un momento da proba, onte, en Abadín. CRISTINA ARIAS
Un momento da proba, onte, en Abadín. CRISTINA ARIAS

O Descenso A Corda cumpre 18 anos cunha caída de participación polas obras no circuíto pero coa mirada posta nun gran futuro

A velocidade volveu ser a gran protagonista en Abadín nunha xornada na que non existiron os freos. O Descenso de Carrilanas A Corda cumpriu a súa maioría de idade con menos participación —debido a que hai obras no circuíto tívose que recortar para a proba—, pero coas mesmas ganas e coa mirada posta nun gran futuro.

No punto de mira está solicitar que a cita sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia e "traer o campionato de España e unha proba do europeo a Abadín", tal e como explicaba Gonzalo Basanta, o responsable da asociación que organiza cada ano, coa colaboración do Concello, unha proba que sempre é un éxito de público.

A organización aspira a organizar en Abadín o campionato de España e unha proba do europeo

"A nosa idea é facer o de España en dous anos e o de Europa en tres, a condición de que cadren os números", indicou Gonzalo, que recoñeceu que o financiamento e o bo estado do percorrido son claves para cumprir as súas intencións. "Temos unha marxe dun ano para que se arranxe o circuíto", dixo, mentres instou o Concello e á Deputación a porse ao choio para "asfaltalo e protexelo".

Para o campionato de España hai un mínimo de cen participantes e no caso do europeo 200, "e tes que ter unhas infraestruturas moito máis grandes", apuntou o responsable da organización, que buscou o lado positivo dunha edición con menos participación.

"Este ano hai 26 inscritos chegados de País Vasco, Cantabria, Asturias, León e Galicia e vai ser moito máis divertido porque podemos facer máis baixadas", dicía mentres as primeiras carrilanas empezaban a baixar por un percorrido de dous quilómetros e 200 metros —antes eran 3,6 quilómetros— para unha proba puntuable para Cópaa Norte, a través da Federación Española de Deportes de Inercia.

Na clasificación, Cristian Marugan gañou en C4, Ángel González, en neumática; Abel García, en Drift Trike; Roberto Ferreiro, en Simpatía; Pedro Larriba, en Gravity Bike; Orkatz Perez, en Skeleton, e Alejandro Menendez, en C8. En madeira, gañou Óscar Balseiro. Todos recibiron un agasallo por parte do Concello.

Carrilanas e velocidade en Abadín
Comentarios