Cáritas de Vilalba repartirá en María Mediadora leite doado por Lactalis

A entidade parroquial atenderá ás persoas que acudan este mércores, de 11.00 a 13.00 horas
PORTA DE CIMA (13)
photo_camera A casa de María Mediadora, onde se realizará a repartición. ARQUIVO

Cáritas de Vilalba levará a cabo este mércores, en horario de 11.00 a 13.00 horas na casa de María Mediadora, localizada na Rúa Porta de Cima, a repartición dun total de seis palés de leite, doados pola empresa Lactalis.

O párroco vilalbés Juan Pablo Alonso Rolle precisou que a repartición se fará dun nun, en fila e gardando as distancias de seguridade estipuladas para previr a propagación do coronavirus.

Así mesmo, o sacerdote aproveitou para agradecer a colaboración do Concello de Vilalba, e especialmente á alcaldesa, Elba Veleiro, nesta iniciativa solidaria, ao responsabilizarse do traslado do leite desde a planta láctea, situada na estrada de Meira, ata a sede de María Mediadora.

Alonso Rolle precisou que Cáritas prevé manter o horario de atención ao público os mércores pola mañá, de 11.30 a 13.00 horas, tal e como xa se fixo a pasada semana, na que se atendeu a unhas 25 familias da zona.

VALES. A repartición do leite previsto para este mércores é excepcional, xa que o habitual nestas xornadas é que se entreguen ás persoas que acoden con vales para trocar nos supermercados Familia por alimentos frescos. O párroco vilalbés recordou que fai xa máis de dous anos que teñen un convenio subscrito con Vegalsa que permite continuar con esta repartición solidaria co que se presta apoio a moitas persoas que o necesitan.

Comentarios