Con agarimo, para o párroco Javier

Unha multitudinaria misa en Muimenta recordou ao sacerdote, falecido aos 50 anos
Un momento de la misa celebrada en Muimenta y presidida por el obispo Fernando García Cadiñanos. C.PÉREZ
photo_camera Un momento de la misa celebrada en Muimenta y presidida por el obispo Fernando García Cadiñanos.

"Hoxe reunímonos nunha das túas casas, nun dúas teus pobos, para lembrarche que toda a túa xente seguimos aquí, non nos esquecemos de ti, e queremos agradecerche tanto agarimo e vida que nos proporcionaches dende que che coñecimos", aseguraba este domingo unha veciña de Ponte de Outeiro (Castro de Rei), pondo voz ás decenas de persoas que se xuntaron no atrio da igrexa de Muimenta para recordar e honrar ao "inmellorable" párroco Javier Rodríguez Couce, falecido o 14 de outubro aos 50 anos, nunha misa presidida polo bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos.

"Os sacerdotes non somos superhomes, sómonos heroes, somos homes de carne e óso", recoñecía o prelado na súa homilía, querendo recordar as súas "fraxilidades" e tamén destacar "o seu espírito de servizo", ese que o levaba a estar "a correr dun sitio para outro para intentar facelo do mellor xeito posible". Porque a pesar de ter moi pouquiño tempo para coñecelo, ao bispo bastáronlle unha comida e unha longa conversación que recordou con agarimo para descubrir a alma "sacerdotal" de Javier. E a súa figura serviulle para pór en valor o labor dos sacerdotes que "intentan vivir a súa vocación non como un privilexio, non como unha honra, senón como un servizo a Deus e aos demais".

E nese sentido, Javier deixou unha profunda pegada: "Os que tivemos a sorte de coñecelo, destacamos del a súa bondade, o amor ao próximo, o traballo incansable e a entrega incondicional para todos e cada un de nós", resumía a lectura na súa memoria coa que se abría o multitudinario oficio relixioso, ao que tamén asistiron os seus pais, que puideron sentir todo ese afecto.

"Non teño palabras, só podo dar as grazas polo cariñosa que foi a xente, todos os fregueses, de aquí e de todas as parroquias, porque en todos os sitios queríano", dicía a súa nai, Lita, ao termo dunha celebración na que moitos dos presentes mostráronlle as súas condolencias e quixeron compartir con ela os seus bos recordos de Javier.

"Grazas a todos, polo bo comportamento e polo agarimo, só podo estar agradecido", asegurou o seu pai, Avelino, nunha homenaxe no que se recordou a traxectoria de Javier, nacido en San Sadurniño en 1971, ordenado en Mondoñedo e que recalaba hai seis anos na comarca chairega, onde levaba máis dunha trintena de parroquias de Abadín, Cospeito, A Pastoriza, Outeiro de Rei, Pol e Castro de Rei.

Neste último concello, en Santa Locaia, o próximo día 6, ás 16.30 horas, volverase a recordar a Javier Rodríguez Couce, cunha homenaxe e unha misa que tamén presidirá o bispo.

Comentarios