Carabullo gaña a liga de billarda na conferencia norleste

O equipo de Muimenta chegaba líder á ultima proba da LNB, o Aberto do Coello de Suso, onde se fixo cunha nova vitoria para revalidar o título xa conquistado na tempada 2019/2020. O seu palanador estrela, Charly, tamén se proclamaba campión da proba e do campionato
Integrantes de Carabullo. EP
photo_camera Integrantes de Carabullo. EP

Defendían título, un pouco polas circunstancias. A Liga Nacional de Billarda 2019/2020 tivera que suspenderse coa chegada da pandemia e daquela decidiuse outorgalle a vitoria na xeral ao equipo que ía líder, Carabullo. Un trofeo que agora os integrantes do equipo de Muimenta lograron revalidar na tempada 2021/2022, a primeira postpandemia, sumando un total de 784 puntos, 23 máis cós segundos na táboa, Troitas Bravas da Pontenova, e 31 por riba dos 753 que lle concederon o bronce a Billardeiros Musicais de Ribadeo.

A competición da Conferencia Norleste da Liga Nacional de Billarda chegaba á súa fin no XII Aberto do Coello de Suso de Remourelle (Ribadeo), onde se citaron preto de 70 palanadores nun ambiente festivo que clausurou por todo o alto unha tempada de "emocións, igualdade, participación e rexurdimento".

Carabullo non deu opcións e fíxose tamén co título da proba sumando un total de 84 puntos, seguido de Troitas Bravas (78 puntos) e dos anfitrións Remourelle Bulls (78 puntos).

Unha parte do éxito do equipo de Muimenta débese ao bo facer do seu palanador estrela, Charly, que non só gañou o Aberto do Coello de Suso, logo dun emocionante desempate co seu compañeiro Ismael, que finalmente foi segundo, e con Regueiro, de Troitas Bravas, senón que tamén acadaba o seu quinto título absoluto logo de sumar 195 puntos. O podio da xeral completárono Daniel, de Billardeiros Musicais (186 puntos) e Sachas, de Troitas Bravas (185 puntos).

Na categoría infantil e na feminina, o título foi para Aroa, de Billardeiros Musicais, grazas aos 130 puntos colleitados nunha tempada na que tamén destacou outra integrante de Carabullo, Irea, segunda nunha clasificación xeral na que Geni foi bronce. En infantil, tras Aroa clasificáronse Mateu e Diego.

Un momento do aberto. EP
Un momento do aberto. EP

Comentarios