RECUNCHOS A DESCUBRIR

Capela de San Nicolás: O segredo mellor gardado da Torre

A capela de San Nicolás, na parroquia da Torre, é unha edificación asentada no alto dun castro. A ermida data do século XVIII e foi unha ofrenda ao santo por parte dun capitán de fragata.

imgData
photo_camera Capela de San Nicolás. TANIA FORJA
imgDataO lugar
Atópase na parroquia vilalbesa da Torre, no lugar de Penahedrade, a uns 200 metros da N-634. Buscando en Google Maps como ‘Castro de San Nicolás’, a localización leva ao visitante ata o camiño de terra que dá acceso ao lugar.
Curiosidades
A capela está asentada nun castro a unha altura de catro metros no alto duns penedos. Dise que este é o punto máis alto da parroquia.
Varias denominacións
O lugar no que se asenta a capela coñécese como Monte da Ermida, Castelo da Ermida de San Nicolás ou Ermida de San Nicolasiño. 

 

Hai veces que na proximidade se poden atopar recunchos con encanto e só fai falta querer perderse para atopar os segredos que esconden os montes. Un destes segredos é a capela de San Nicolás na parroquia vilalbesa da Torre. Pódese pasar ao seu carón e non descubrir que a uns pasiños se esconde unha pequena ermida no alto dun castro. 

imgDataA capela de San Nicolás está a máis de catro metros de altura no alto duns penedos, a pesar do seu pequeno tamaño a súa localización fai que sexa impoñente. É unha pequena edificación rectangular con tan só unha porta e a estrutura do campanario. Para chegar ata ela cómpre rodear as súas inmediacións, cheas de árbores e de penedos, ata atopar unhas escaleiras de laxas e lousas que permiten subir ata a súa porta. Dende alí pódese observar unha panorámica engaiolante do lugar que completa a estampa. 

imgDataA capela foi construída durante o último cuarto do século XVIII e crese que a mandou facer don Diego Pazos, un capitán de fragata natural da parroquia e que tería participado durante a súa vida en múltiples campañas de guerra. Segundo contan, a capela foi unha ofrenda ao santo tras encomendarse a el nalgunha das súas batallas. Agora converteuse nun regalo para os que a descobren. 

Comentarios