Cando a virtude é un problema

A auga de Guitiriz non é apta para o consumo polo alto nivel de ferro do pantano. Os hostaleiros usarán botellas para cociñar ou facer café e o Concello levará 1.500 litros ao colexio

O que sempre foi un dos grandes recursos de Guitiriz, a presenza de ferro na auga, exemplarizada como grande atractivo nas fontes de auga mineiromedicinal que levan décadas atraendo turistas, converteuse nas últimas semanas nun auténtico quebradizo de cabeza para os veciños que reciben a auga da traída municipal procedente do encoro de San Xoán.

Os problemas de turbidez remóntanse ao comezo do verán, e durante catro meses non fixeron outras cousas que incrementarse, esgotando a paciencia dos veciños. Tras dous meses facendo fronte a auga "marrón", nunhas analíticas feitas en setembro o nivel de ferro estaba nuns 400 microgramos por litro, xa superior ao máximo permitido, pero moi lonxe dos 1.700 microgramos por litro das últimas probas realizadas por Concello e Sanidade, que levaron a emisión dun bando da alcaldía declarando a auga non apta para o consumo.

Hábitos cotiáns como lavarse os dentes, pór unha lavadora, cociñar ou incluso beber un vaso de auga da billa foron desde xullo, segundo o día, prácticas de difícil realización para os veciños, que converteron a auga embotellada e as fontes próximas nos seus mellores aliados.

"Enches unha pota e parece que botaches azafrán", explican no hostal restaurante A Casa, dando voz a un problema común para o que reclaman unha solución, xa que a situación non só afecta a veciños ou negocios, senón á imaxe que se ofrece de Guitiriz.

"Levamos todo o verán así e, aínda que na cociña vas tirando, no hotel houbo moita xente que nos preguntou que pasaba, que problema había ao ver como saía a auga; a limpeza é moito máis difícil e as toallas teñen saído marróns ao lavalas", resumo.

O bando, aínda que ofrece respostas sobre a orixe do problema e achega solucións, tamén xerou interrogantes. O primeiro deles no Ceip Lagostelle, que dispón de servizo de comedor. Desde o inicio de curso, a dirección do centro decidiu comprar auga embotellada para o consumo, unha medida que agora extremarán, intentando reducir ao máximo o seu uso na cociña, o que poida que incluso leve cambios nos menús. A dirección do centro xa se puxo en contacto con Sanidade e co Concello, que lle facilitará 1.500 litros de auga para garantir a subministración.

Unha representación dos hostaleiros tamén se reunía coa alcaldesa, Regina Polín, para abordar o problema e coñecer de primeira man as actuacións previstas. A rexedora precisou que o bando é unha medida de precaución necesaria e que desde Sanidade avalan os pasos dados.

Tras o encontro, a asociación De Bares acordou usar auga embotellada tanto nas cafeteras como nas cociñas, o que fará público cun comunicado, á espera de que se instale o filtro que reduza o nivel de ferro.

Comentarios