O recuncho de Elba Sandamil

Campo da festa de Reigosa: recordos ao son dunha verbena

O lugar é aínda hoxe punto de encontro veciñal onde se poñen en valor aquelas tradicións de sempre
Campo da festa de Santiago de Reigosa. C. ARIAS
photo_camera Campo da festa de Santiago de Reigosa. C. ARIAS

Localización

Para acudir ao lugar indo desde Muimenta, hai que chegar ao Carrizal e coller na rotonda a LU-P-4401, cara á Pastoriza. Hai que continuar ata desviarse á dereita, pola LU-P-1106, e chegar ata o núcleo de Reigosa. Alí, a carón do centro sociocultural Mariña Folgueira, atópase o campo. 

Melloras

No pasado o campo do barrio da Igrexa atopábase presidido por un palco de cemento, mais en 2019 acondicionouse cunha área de xogo infantil a petición da asociación de veciños de Santiago de Reigosa.

Festividades

Neste enclave, a parroquia pastoricense celebra as súas festas nos meses de marzo e xullo. As primeiras sempre con proximidade ao día de San Xosé e as segundas, ao día do Santiago Apóstolo e onde se dá cita toda a veciñanza.

Campo da festa de Reigosa. C. ARIAS
Campo da festa de Reigosa. C. ARIAS

As verbenas. Que palabras tan simples e, á vez, tan ateigadas de significado. Porque elas son as encargadas de poñer a banda sonora dalgúns dos mellores recordos de toda unha vida. E nelas, parte esencial son os campos das festas, eses lugares que se converten no epicentro da parroquia en día de celebración e nos que se chega a pasar máis tempo ca na propia casa. E no caso de Elba Sandamil, veciña de Santiago de Reigosa, non podía ser menos.

"Do campo da festa teño lembranzas moi boas e moi fermosas", comeza contando Elba. E que daba igual que fose o San Xosé de marzo ou o Santiago Apóstolo en pleno xullo, non había cuestión ou inclemencia meteorolóxica que a fixese faltar. "Nunca fallei a unha festa de Reigosa. Cando era pequena contaba os días que quedaban para ir e rezaba para que non pasase nada malo!", di entre risas.

Aínda que lonxe quedan aqueles tempos nos que o lugar estaba presidido por un palco de cemento "dos de toda a vida", Elba nunca deixou de ser aquela mociña que estreaba as súas mellores galas o día do patrón e saboreaba todas esas primeiras veces. As primeiras vermús coas amigas de sempre á sombra dunha árbore. Os primeiros bailes. As primeiras noites de festa rachada ata ben entrada a madrugada. "Arredor do campo xuntábase a veciñanza enteira da parroquia, estabamos todos moi unidos. Eran momentos de felicidade total", asegura.

Cambiaron os tempos e cambiou o lugar, hoxe reformado cun recinto valado e ata un parque de xogo para os máis cativos, pero non as tradicións que hoxe Elba vive a través dos seus fillos. "É unha cita á que nunca poden faltar, o de menos case é o grupo ou orquestra que veña", conta, "traen todos os seus amigos e eu gozo igual ou case máis ca eles". Porque dá igual que os de Reigosa marchen a Madrid ou á China, para eles coma o campo da festa da parroquia "non hai outro igual". E así o di Elba ben segura: "Este é un lugar especial, quen vén sempre quere volver". 

Área de xogo infantil situada no recinto. C. ARIAS
Área de xogo infantil situada no recinto. C. ARIAS

Así poderán pasar os anos e mudar os costumes pero, ás veces, un simple "imos botar uns bailes cos veciños ao campo da festa?" pode ser o que nos achegue un chisco máis á felicidade.

Comentarios