martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Os camioneiros bloquearán a central das Pontes "por tempo indefinido"

Camións bloqueando os accesos á térmica pontesa. C. ARIAS
Camións bloqueando os accesos á térmica pontesa. C. ARIAS
Endesa reuniuse este xoves con auxiliares, comité de empresa, Concello e transportistas, pero as súas propostas non convenceron a estes últimos, que levan un ano e medio "oíndo promesas"

"Imos seguir, mantemos a concentración por tempo indefinido, quédanos moito por pelexar", aseguraba este xoves Manuel Bouza, presidente dos transportistas do carbón, tras unha longa xornada de protestas e reunións cuxo resultado non lles pareceu suficiente -"Intentan tomarnos o pelo, coma sempre", dixo- como para levantar o bloqueo da central que iniciaban á primeira hora, apoiado polo Concello das Pontes, as auxiliares e o comité de empresa, en protesta pola decisión de Endesa de trasladar dúas bombas de recirculación de lechada, correspondentes á desulfuradora dos grupos 3 e 4.

Endesa xustificaba a necesidade dun traslado que xa se freou antes -houbo outra tentativa en xuño, o que motivou tamén o bloqueo dos accesos-, pero que agora asegura que debe facerse porque os equipos son necesarios noutra central da mesma empresa.

Desde a compañía inciden ademais en que a obra da desulfuradora para os grupos 3 e 4 paralizouse e "nunca se renovará", como xa se anunciou, pero que aínda así estes poden operar. Recordan tamén que as bombas non son necesarias para as probas de biocombustibles, que seguen realizándose.

E aí está o quid da cuestión, pois os manifestantes o que achacan a Endesa é que rompa o seu compromiso de non tocar o material que hai na térmica ata que finalicen as probas e se saiba se a central é viable e ten futuro ou se se segue adiante co proceso de peche.

O Concello pontés mostraba este xoves o seu "apoio total e absoluto aos colectivos afectados"

A mobilización ante a central fixo mover ficha a Endesa, que aceptou reunirse coas partes e escoitar as súas reivindicacións, principalmente as dos transportistas do carbón, que levan ano e medio sen actividade, e as das auxiliares, que reclaman determinar o número de traballadores afectados e unha garantía de emprego de face ao futuro, xa que este só está comprometido ata que culminen as probas de biocombustibles.

Os resultados das longas negociacións, con reunións pola mañá e pola tarde, foron dispares. A representación sindical das auxiliares recoñecía "algún avance", ao acceder Endesa a reunirse cos sindicatos e as empresas afectadas -o primeiro encontro fixouse para o martes 27, ás 12.00 horas, nas Pontes- para determinar con cada unha delas as persoas afectadas polo peche. Os acordos que se alcancen trasladaranse ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para que os inclúa no plan de transición xusta.

Con todo, para os camioneiros, a proposta de Endesa de realizar xestións para conseguirlles carga de traballo, un proceso informativo que tamén implicaría ao Concello das Pontes, "non é suficiente, pouco nos vai solucionar", di Bouza. "Levamos un ano e medio parados con promesas e non se cumpriu nada", recorda, aludindo ás negociacións da mesa na que tamén están Xunta e Goberno, e que non se materializaron en nada concreto.

O Concello pontés mostraba este xoves o seu "apoio total e absoluto aos colectivos afectados" e as súas reivindicacións, igual que facían desde o comité de empresa. Tamén desde a coordinadora da industria auxiliar mostraban a súa disposición a ser "solidarios e arroupar aos transportistas".

Os camioneiros bloquearán a central das Pontes "por tempo indefinido"
comentarios