domingo. 20.09.2020 |
El tiempo
domingo. 20.09.2020
El tiempo

Unha camiñada das Pontes á Coruña esixirá solucións á crise industrial

Traballadores das auxiliares, na concentración deste mércores. C. ARIAS
Traballadores das auxiliares, na concentración deste mércores. C. ARIAS
O grupo de traballo apoia a marcha reivindicativa que promoven os camioneiros a partir do martes, mentres Endesa garante a carga de traballo ás auxiliares ata o mes de marzo

O calendario de mobilizacións continúa nas Pontes para esixir solucións á crise industrial e, mentres os traballadores das auxiliares volvían concentrarse este mércores na súa xa habitual protesta fronte á térmica, o comité de crise apoiaba a nova proposta dos camioneiros: unha camiñada reivindicativa que partirá o martes rumbo á Coruña.

A marcha dividirase en catro etapas. O martes ás 10.00 horas a camiñada arrincará das proximidades do consistorio e chegará ata o concello da Capela. O mércores partirase da Capela cara a Pontedeume para chegar a Miño. O xoves o percorrido será desde Miño á Ponte Pasaxe, á entrada da Coruña, e o venres, desde alí por Alfonso Molina ata as oficinas de Endesa e a Delegación do Goberno.

"Está aberto a todo o mundo e animamos á xente a que participe, a única obrigación é levar o chaleco amarelo", expresou Manuel Bouza, o presidente do colectivo de transportistas do carbón, que se mostrou crítico coa actitude da Policía Nacional o luns en Ferrol, cando detiveron a un camioneiro que resultou ferido, mentres destacou que non tiveran ningún problema ata agora.

"Tamén queremos implicar os alcaldes", indicou Bouza, que resaltou que a situación dos transportistas, que levan máis de sete meses parados, é cada vez máis complicada e que serán "contundentes" para que se os escoite. Deixou entrever que antes do martes haberá máis accións sorpresa.

Desde o comité de crise, que se reuniu este mércores, mostraron o seu total apoio aos transportistas e fixeron un chamamento a todos os veciños a que se unan. A partir da primeira etapa o Concello porá autobuses para facilitar os desprazamentos e haberá acompañamento de Protección Civil.

Se entre os camioneiros non houbo avances —prometéronselles axudas que non chegaron a formalizarse— nas auxiliares alcanzouse un novo compromiso con Endesa. E aínda que xa houbo algúns despedimentos, a eléctrica garantiu carga de traballo ás subcontratas ata o primeiro trimestre de 2020 —o compromiso era ata final de ano—.

"Temos que seguir mobilizándonos, é pouco tempo pero a medio e curto prazo dannos un pouco de vida", expresaron desde os sindicatos na concentración deste mércores, na que, unha vez máis, cortouse o tráfico durante unha hora. Para este xoves está convocada unha reunión da coordinadora de auxiliares e probablemente se faga unha asemblea de traballadores.

Unha camiñada das Pontes á Coruña esixirá solucións á crise industrial
comentarios