O Que Bo Estás Guitiriz cita do 5 ao 15 a trece hostaleiros

O concurso de tapas, que celebra a súa oitava edición, doará parte da recadación para apoiar o Día da Bici
photo_camera Presentación do concurso de tapas na Casa Habaneira de Guitiriz.CP

Pilar Cruz e Chicho Santos, da directiva da asociación de hostalería De Bares, presentaron onte o oitavo concurso de tapas Que Bo Estás Guitiriz, no que participan 13 locais do 5 ao 15 de marzo. CIT, Recreo e As Marías, de Parga; Merendeiro, dos Vilares; e A Casa, Xoldra, Centro, Soa, Nistal, Titanic, Gaibor, Korreo e Nimbos, de Guitiriz, servirán as súas propostas ao prezo único de dous euros -3,5 co viño patrocinador Marqués de Cáceres- en horario de 20.00 a 23.00, que se ampliará de 13.00 a 15.30 os fins de semana.

Os clientes que valoren as tapas, segundo o número de locais que visiten, poderán optar a premios de 700, 200 e 100 euros, ademais da catro de 50 cun estoxo de viños incluído. E como todos os anos, unha parte da recadación doarase. Esta vez, De Bares apoiará o Día da Bici, unha cita lúdica que organiza o club local Btteiros Cova da Serpe.

No acto celebrado na Casa Habaneira tamén estivo presente a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que mostrou o seu compromiso a colaborar con todas aquelas iniciativas que sirvan para dinamizar o concello, e os patrocinadores Bruno Arias, distribuidor de Cristo Galicia, e Antonio Roca, de Estrela Galicia. Tamén colaboran Kantero e Autos Losada.

De Bares anunciou que fará unha exposición cos carteis que se presentaron ao concurso, no que elixiron o deseño de Alba Nimbos e Rebeca Pena, que alude ao famoso roubo dos xubilados no balneario, aínda que neste o que levan son tapas.

Comentarios