O BNG reclama a recuperación plena dos servizos do centro médico de Castro de Rei

Convocou unha concentración diante do consultorio chairego no que se deron cita ao redor de medio cento de persoas, que estiveron acompañadas por representantes locais e provinciais do partido
Concentración frente ao consultorio de Castro de Rei. EP
photo_camera Concentración frente ao consultorio de Castro de Rei. EP

O BNG convocou na mañá deste domingo unha concentración diante do centro médico de Castro de Rei para reivindicar a recuperación plena dos servizos neste ambulatorio.

Na mobilización, á que se sumaron ao redor de medio cento de persoas, participaron a concelleira do BNG en Castro de Rei, Digna Lagarón, así como a deputada por Lugo e viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil.

A convocatoria formaba parte das accións que o BNG impulsou para reclamar ao goberno da Xunta que aplique as medidas precisas para a dotación de recursos, tanto materiais como humanos, para contar cos servizos sanitarios plenos.

A responsable do BNG local indicou que considera "unha obriga" garantir o dereito á saúde e cualificou de "intolerábel" que as veciñas e veciños do concello "contemos cuns servizos sanitarios baixo mínimos".

"Hai menos dun mes que o alcalde dicía que a Xunta non era a responsábel deste centro para dotalo de facultativos, e parece que agora tras o impulso destas mobilizacións e as eleccións municipais, decidiuse reabrir", explicou Lagarón, quen incidiu en que esta é "unha decisión política", aínda que non descarta que as novas da Xunta "sexan fume" polo que o ambulatorio non se reabra finalmente coa mesma atención.

Por iso, dixo, "dende o BNG imos traballar para acadar unha atención plena".

Comentarios