Billarda: un xogo que engancha

Tres equipos chairegos, que suman máis de 40 membros, compiten esta tempada na Conferencia Norleste da LNB
Unha palanadora no Torneo Cidade de Lugo. C.PÉREZ
photo_camera Unha palanadora no Torneo Cidade de Lugo. C.PÉREZ

Hai centos de anos, xa se xogaba á billarda en Galicia, igual ca noutras moitas partes do mundo. Co paso do tempo, a práctica foise perdendo, converténdose nun xogo descoñecido para moita xente e nunha lembranza da época dos avós, para outra. Ata que quen o coñecía considerou que as súas cualidades ben merecían ser compartidas e regularizadas.

En 2005 daba inicio unha auténtica revolución billardeira coa posta en marcha da Liga Nacional de Billarda (LNB) na zona da Mariña luguesa, unha competición regular complementada por abertos en diversos eventos e festivais para darlle visibilidade ao xogo, para o que se fixaron unhas normas comúns e un condicionante, nada de premios en metálico. Pero si hai trofeos, dende árbores para plantar ata galiñas de Mos, aínda que a comida (chourizos, lacóns, fabas, castañas, ovos...) é sempre a que prima.

Aínda que chegou a haber sete conferencias, na presente tempada 2019-2020, a vintena de equipos participantes repártense en tres: Costa da Morte, Noroeste e Norleste. Nesta última é na que están encadrados os tres chairegos: Carabullo, da Ponte de Outeiro; Chaínzos-Cadaval, da Pastoriza e Castro de Rei, e Castiñeiro Milenario, de Begonte.

Suman máis de 40 palanadores a unha liga na que se miden aos clásicos Billardeiros Musicais e Remourelle Bulls, ambos os dous de Ribadeo, e tamén a Troitas Bravas, da Pontenova; Billarda Verde, de Castroverde, e Madia Leva, de Lugo. Este último foi o anfitrión da quinta xornada da LNB, o IX Torneo Cidade de Lugo.

O campo de fútbol de Nadela acolleu a proba, na que Muriego, de Tapia de Casariego, xogador dos Remourelle Bulls, acadaba a súa primeira vitoria, con Albino (Carabullo), segundo e Juan Carlos (A Laracha), terceiro. Paula, de Chaínzos-Cadaval, gañaba na categoría feminina, seguida da meirega Lola Eiras (Billarda Verde) e de Irea (Carabullo). Por equipos —contan os puntos dos catro mellores palanadores—, os da Ponte de Outeiro foron segundos, a só dous puntos do gañador, Campo da Feira (Paiosaco).

Ademais da tempada regular, os afeccionados poden gozar doutras probas coma a Filloa (Muimenta), Xabarín (Baltar), da Patria (Castroverde), Año Mouro e San Rosendo (San Miguel), Indiano (Ribadeo), Son Labrego (Montecubeiro), Memoriais Calvete e Jorge Galdo (Remourelle) ou Pardiñas (Guitiriz). As máis inmediatas serán o 23 en Piedras Blancas (Asturias), coa disputa da XIII Copa Cantábrica e do Aberto Pitu Caleya.

A gran festa da billarda, o All Stars, xogarase en Carballo o 21 de marzo. Quen logre o triunfo nesta cita obterá a clasificación directa para a final entre conferencias, fixada para o 31 de maio en Santiago. Nesta participan os 15 mellores individuais—16 se o gañador do All Star xa estaba clasificado— e os tres mellores equipos. Tamén se celebran a final feminina e a infantil.

Para saber máis, pódese visitar a web billardagalicia.com ou, mellor aínda, acudir a un aberto e probar, sempre que se teña en conta que o máis probable é que se queira volver. Todos coinciden en que engancha. Por algo será.

Palabras clave
Billarda ▶ Pau de madeira, con 25 centímetros de longo como máximo e tres de diámetro, que se coloca no chan para golpealo co palán. Tamén se lle chama estornela. 
Palán ▶ Pau co que se golpea a billarda, cun máximo de 60 centímetros de longo e tres de diámetro. Os xogadores/as son paladores/as.
Varal ▶ Meta ou portería, con dous postes cun espazo intermedio de 3,6 metros. Se a billarda pasa entre eles, á altura que sexa, puntúase.
Zona de saque ▶ De onde se sae, a 50 metros do varal, situado no extremo contrario do campo.
Carreira ▶ Número de golpes que dá o palanador dende que saca ata o varal. Quen dea menos, obterá cinco puntos e os seguintes, un menos ata acabar os puntos (pode haber empates). Cada aberto consta de cinco carreiras.
Varado ▶ Cando se alcanza o varal cun único golpe.

 

Calendario LNB
XIII Aberto do Galo ▶ 15 de decembro. 15.30. Ribadeo. 6ª xornada.
X Aberto Galiña de Mos ▶ 11 de xaneiro. 15.30. Castro. 7ª xornada. 
III Memorial Pepe da Flor ▶ 2 de febreiro. 15.30. Meira. 8º xornada. 
I Aberto de Riotorto ▶ 15 de febreiro. 15.30. Riotorto. 9ª xornada. 
X Aberto da Tarta ▶ 7 de marzo. 16.00. Mondoñedo. 10ª xornada.
VI Aberto A Ceo Aberto ▶ 28 de marzo. 16.00. Mosteiro. 11ª xornada. 
VI Aberto Bola de Liscos ▶ 18 de abril. 16.00. Bretoña. 12ª xornada. 
VIII Aberto A Terra non se Vende ▶ 25 de abril. 16.00. Ponte de Outeiro. 13ª xornada. 
XI Aberto Coello de Suso ▶ 16 de maio. 16.00. Remourelle. 14ª xornada. 

Comentarios