martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

O Bike Park Outeiro de Vilalba reabre reformado tras meses sen actividade

Instalacións reformadas e un dos usuarios do Bike Park Outeiro.
Instalacións reformadas e un dos usuarios do Bike Park Outeiro.
As obras e a pandemia atrasaron a inauguración da sexta tempada, que, a pesar da crise sanitaria, arrinca cunha elevada afluencia de ciclistas de diversos puntos de España

O Bike Park Outeiro, situado na parroquia vilalbesa de Santaballa, acaba de reabrir as súas portas tras unha "reforma importante" e logo de case dez meses sen actividade.

"Pechamos en novembro, en inverno, puxémonos cos labores de mantemento e xusto cando iamos abrir chegou ou confinamento, así que aproveitamos para seguir coas reformas e facer un mantemento moi en profundidade", explica Lorenzo Prado, que xunto a Alejandro Currás, dirixe unha instalación que estreou a sexta tempada este mes de agosto.

"Tiñamos dúbidas de como ía funcionar pero a primeira fin de semana que abrimos xa estivemos xustos de aforamento", di un dos responsables deste circuíto que atrae a xente de diversos lugares de España, principalmente de Asturias e País Vasco e de localidades como Ferrol, Lugo, Vigo, Ourense, Santiago ou Viveiro.

"Neste tempo non hai carreiras e tampouco festas e a xente aproveita para adestrar", di Prado, que fala de que a afección polas diferentes modalidades de ciclismo que se poden practicar no Bike Park está a crecer. "A xente móvese máis e o que estamos a notar é que cada vez tamén vén máis xente que quere coller técnica para levalo despois a unha bici de montaña", indica.

O Bike Park Outeiro ofrece catro modalidades de circuíto nunha leira de 20.000 metros cadrados: 'dirt jump' -percorrido con liñas de saltos con diferentes alturas-, 'pump track' e 'pump track race' -óvalos xemelgos- e 'four cross' -para competir en paralelo-.

"Modificamos toda a parte de 'dirt jump'. Démoslle unha boa reforma porque as instalacións de salto, de madeira, despois de seis anos xa estaban en déficit", di. As novas colocáronse reforzadas con madeira e metal. Ademais, fíxose un importante traballo de mantemento no resto de circuítos, así como de rozas e podas na parte máis boscosa. Alí, están a ultimar unha zona de iniciación para os máis pequenos que se estrea esta tempada. "Estará completamente finalizada en 15 días ou un mes", indica.

As restricións pola crise sanitaria obrigaron a facer cambios, como fixar un tope de 50 usuarios máximo na instalación. "Abrimos as fins de semana de 10.00 a 19.00 horas e por semana, con reserva previa", explica o responsable do Bike Park, que indica que, a pesar de que non é obrigatorio, recomendan chamar antes tamén os fins de semana.

"Temos bastante xente para como está a situación e estamos moi contentos e sorprendidos coa actitude das persoas, todos moi respectuosos e cumprindo as normas", valora. É obrigatorio acceder con máscara -non cando se circula nas bicis- e hai xeles na entrada e nas oficinas. "Limitamos aforamentos nalgunha zona concreta e distribuímos os aparcamentos para manter as distancias de seguridade", indican desde un proxecto privado que non conta con apoios de ningunha administración.

"Contamos con axuda de xente do pobo como Miguel Ángel Díaz, Erik Parga, Omar Rouco e Jesús Barrio, xunto ao resto de socios", di Prado, á vez que agradece a actitude dos usuarios.

O Bike Park Outeiro de Vilalba reabre reformado tras meses sen...
comentarios