miércoles. 04.08.2021 |
El tiempo
miércoles. 04.08.2021
El tiempo

A CHAIRA, 15 ANOS: MEIRA

O berce do pai Miño coida con esmero o turista

2019 ▶ A Meira de Lugo e a de Moaña estreitan lazos. AEP
2019 ▶ A Meira de Lugo e a de Moaña estreitan lazos. AEP
Servizos coma a área de autocaravanas ou a renovada oficina de turismo buscan darlle un novo pulo a este histórico cruce de camiños 
Veciñanza
Meira é un dos poucos concellos que resiste ante a problemática da despoboamento. En 2006 contaba con 1.774 veciños, só 26 máis que en 2020. A idade media dos habitantes é de 50,33.
Onde están os marcos?
Dispón só de 46,55 quilómetros cadrados de superficie —perdeu moita extensión coa constitución, en 1935, do concello de Ribeira de Piquín, co que pasou a ser o terceiro municipio máis pequeno da provincia—, dividido en dúas parroquias: Meira e Seixosmil. Limita con Pol, Ribeira de Piquín, A Pastoriza e Riotorto.
Quen manda aquí?
Antonio de Dios ten o bastón de mando dende 2015, aínda que xa fora alcalde en 2007 baixo as siglas de Tega —un mandato que comezou de xeito convulso, xa que o único edil do PSOE votou por el mesmo como rexedor e dinamitou o pacto entre as dúas formacións, pero o goberno non durou máis que uns días—. De Dios estivo catro anos na oposición trala vitoria en 2011 do popular Ramiro Pérez. Actualmente tamén contan con representación BNG e Galicia Sempre.
Para botar un pé
As principais festas desta localidade son na honra a Santa María e San Roque, aínda que se hai unha cita emblemática é a Malla, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia en 2006, o mesmo ano que o suplemento da Chaira saía á luz.

O berce do pai Miño trata con esmero e coidado o turismo, unha das principais fontes de sustento deste histórico cruce de camiños, que dende o inicio do suplemento da Chaira non parou de crecer en servizos.

Á estrea dunha renovada páxina web encamiñada a ofrecer de xeito máis visual e intuitivo a súa oferta, sumouse a comezos deste ano a reapertura da oficina de turismo nunha nova localización.

Despois de 17 anos na Praza do Convento, este servizo trasladouse á planta baixa da casa consistorial, que no seu día albergou o mosteiro cisterciense de Santa María de Meira, un lugar moito máis visible e accesible. O Concello asumiu o reto de instalar un ascensor nun edificio histórico e Monumento Nacional dende 1931, adaptándoo ás necesidades dos novos tempos pero sen perder a súa esencia.

Na mesma liña de ampliar servizos, inaugurouse en 2019 a área de autocaravanas con oito prazas, que recibiu ducias de visitantes neste ano marcado pola pandemia no que houbo menos turistas de fóra e máis da zona.

A céntrica área recreativa Profesor Río Barja tamén foi obxecto de obras de mellora do pavimento do paseo e do escudo da vila que decora o chan. Neste enclave volveu abrir hai pouco O Muíño, que fora rehabilitado en 2006 por iniciativa do Concello e comezara a explotarse como restaurante a partir de 2010.

A administración local tamén decidiu restaurar un anaco da historia da localidade coa recuperación dos letreiros do Paseo Central da Praza Maior, un proxecto de 2019.

A igrexa de Santa María de Meira, outro dos principais reclamos turísticos do municipio, recibiu importantes achegas para a restauración e rehabilitación dos retablos de Santa María e de San José, así como da Sala das Reliquias, un lugar case descoñecido que ofrece dende 2016 a posibilidade de contemplar unhas pinturas murais do século XVII.

O templo incluíuse na ruta dos Mosteiros do Císter, coa que Acigal buscaba unir Galicia co resto de Europa, e estase a traballar para que tamén se poida adherir á Transrománica, na que están varias igrexas da Ribeira Sacra. 

A posta en valor da Vía Rexia do Norte, cuxa finalidade era a unión da capital lucense coa saída ao mar pola ría do Eo, é outra das batallas polas que pelexan dende Meira.

Ademais neste tempo, no que a localidade cruzou as súas fronteiras da man da exitosa primeira longametraxe de Andrés Goteira, tamén se recuperou a figura de Avelino Díaz, o coñecido como Poeta de Meira, que lle dá nome ao colexio da vila, a unha rúa —tamén hai outra que recorda a súa obra ‘Debezos’— e a un roteiro. 

A nivel infraestruturas quedan deberes importantes feitos como a apertura de Vermiño —a escola infantil municipal que en 2015 pasou a depender da Xunta como Galiña Azul— e outros que están a piques de cumprirse como a residencia e centro de día, cuxa inauguración se espera este mesmo verán.

E na mente do equipo de goberno tamén está poder levar adiante unha iniciativa no Pedregal de Irimia, outro dos seus emblemas, onde acaban de adquirir unha finca coa axuda da Deputación de Lugo, o punto de partida para crear unha senda duns tres quilómetros que una o berce do Miño e a vila. 

O proxecto é aínda máis ambicioso e persegue conectar, cun itinerario peonil, o Pedregal coa Lagoa de Fonmiñá. Propostas para seguir facendo de Meira un lugar no que vivir e desfrutar.

Protagonista
imgDataAndrés Goteira. O director de cine Andrés Goteira estreou coa produtora local Gaitafilmes a súa primeira longametraxe, ‘Dhogs’, no Festival Internacional de Cine Independente de Bos Aires en 2017. O debut foi soñado, conquistando 13 das 17 candidaturas ás que optaba nos Premios Mestre Mateo dese mesmo ano, gañando, entre outros, os premios a mellor longametraxe, guión e dirección. Goteira está embarcado en novos proxectos audiovisuais.

O berce do pai Miño coida con esmero o turista
comentarios