O belén de Begonte, un "símbolo de altruísmo", bota a andar nas pantallas

Este é o primeiro ano que se poderá visitar de xeito virtual ► As actividades presentaranse a vindeira semana
José Ulla, Valentín García Gómez, Jesús Domínguez Guizán e Carlos Andrés Martínez, no acto. EP
photo_camera José Ulla, Valentín García Gómez, Jesús Domínguez Guizán e Carlos Andrés Martínez, no acto. EP

O nacemento electrónico máis famoso da Terra Chá capaz de trascender fronteiras, o belén de Begonte, botaba este xoves a andar como leva facendo desde fai 49 anos, aínda que nunca igual que desta volta. A pandemia obrigou a que, por primeira vez, esta inamovible cita do Nadal se visite de xeito virtual, unha alternativa que se estreaba coa lectura do pregón a cargo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, quen destacou "a condición de símbolo de colaboración comunitaria, altruísmo e amor ao ben común" do proxecto ideado por José Domínguez Guizán en 1972 e continuado por "persoas de Begonte e doutras procedencias que asumiron esta empresa como propia, a xeito de regalo desinteresado á comunidade".

No acto de inauguración tamén estiveron presentes o alcalde, José Ulla; o presidente do centro cultural que impulsa o belén, Jesús Domínguez Guizán, e o profesor da escola Músico Crisanto de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, Carlos Andrés Martínez, que puxo a nota musical a unha xornada na que tamén se fixo entrega a Valentín García da placa que o acredita como o primeiro pregoeiro virtual do belén electrónico e que catalogou o feito de "histórico".

Ademais, tivo unha lembranza para os ilustres que fixeron de pregoeiros anteriormente e que "co seu nome e prestixio, axudaron a engrandecer e divulgar" o belén, mentres recordou a artistas e poetas que crearon versos para "a capital do Nadal en Galicia", como Helena Villar Janeiro, Fiz Vergara Vilariño ou Xosé Carlos Gómez Alfaro, cuxas palabras lle serviron a García Gómez para finalizar a súa intervención, que se poderá ver na web www.belendebegonte.es.

Pola súa parte, José Ulla puxo en valor o xeito "especial de celebrar este ano" por mor da crise sanitaria, aínda que servirá para "darlle a oportunidade a máis xente de poder velo, ao ser online". Tamén fixo mención a 2021, cando o nacemento soprará as 50 candeas que agardan "festexar dunha maneira máis especial aínda e, se pode ser, de forma presencial".

Que o belén non caia no esquecemento, pese a non poder visitalo en persoa, tamén é froito das múltiples actividades que se realizan ao seu abeiro e que se presentarán a vindeira semana. "Non é de estrañar que resultase a semente de moitos outros proxectos, arredor dos cales os veciños conseguistes manter vivo o acervo secular que recibistes en herdanza, ao tempo que forxabades vínculos sociais que producen admiración", concluíu un agradecido pregoeiro.

Comentarios