Begonte ultima a apertura da cámara agraria coa instalación dunha caldeira

O Concello tamén dotará o edificio, que albergará unha boa parte da actividade cultural, de ascensor e mobiliario
Edificio da cámara agraria de Begonte. C.PÉREZ
photo_camera Edificio da cámara agraria de Begonte, antes da reforma. ARQUIVO

O Concello de Begonte está a ultimar a apertura da antiga cámara agraria, un céntrico edificio que foi rehabilitado co albergar todo tipo de actividades culturais, coa instalación dunha caldeira de biomasa.

Este proxecto, que está a executar a firma Aserener S.L.U. cun orzamento de 47.199,68 euros e que se financia nun 80% —37.759 euros— cunha axuda do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está en fase de execución, segundo confirmou o rexedor, José Ulla, quen explicou que os traballos "finalizarán a finais desta semana ou principios da próxima".

A nova caldeira de biomasa "conectarase coa instalación que alimenta os radiadores que hai na casa consistorial e dará servizo aos dous edificios", indicou o rexedor municipal, avanzando que con esta actuación, e coa dotación dun ascensor e do mobiliario, poderase poñer o punto final ao proxecto de rehabilitación da cámara agraria.

"Concedéronnos unha axuda de 39.956 euros de Vicepresidencia para instalar o ascensor e poder adquirir o mobiliario necesario para a súa posta en funcionamento", precisou o alcalde, que avanzou que proximamente farase a contratación destas dotacións.

ADQUISICIÓN. O Concello comprou á Xunta de Galicia a antiga cámara agraria por uns 40.000 euros, que abonou en catro anualidades. En 2016 elaborou un proxecto de rehabilitación, cun orzamento que roldaba o medio millón de euros, e comezou a buscar financiamento para afrontar o arranxo.

"Ao longo deste tempo destinamos todo tipo de axudas á súa rehabilitación. Do plan provincial, do GDR, do Idae ou obradoiros de emprego", enumera José Ulla, avanzando que, salvo que haxa algún contratempo, o edificio podería poñerse a funcionar a pleno rendemento no mes de setembro.

"Salvo que haxa algunha iniciativa no verán, a nosa idea é recuperar todas as actividades culturais de cara ao inicio de curso. Na cámara agraria impartiranse cursos, formacións, obradoiros de pintura, manualidades, memoria ou informática, entre outros", explica o alcalde begontés.

Ulla precisa tamén que, ademais de nove pequenos locais, haberá unha "sala multifuncional" na que tamén se poderán dar clases de pilates "ou aeróbic". "Os locais tamén se destinarán para algunhas asociacións ou partidos políticos", concluíu o rexedor.

Comentarios