Begonte aproba unha dedicación parcial e dúas exclusivas

O alcalde cobrará 42.000 euros brutos anuais, o primeiro tenente 24.500 e unha concelleira 8.050

Pleno de Begonte. EP
photo_camera Pleno de Begonte. EP

O goberno municipal de Begonte aprobou este xoves no pleno de organización unha dedicación parcial e dúas exclusivas. O rexedor popular, José Ulla, cobrará 42.000 euros brutos anuais e compatibilizará o seu cargo coa súa profesión de veterinario. A outra dedicación exclusiva será para o edil Luis Luaña, que percibirá 24.500. Tamén se acordou conceder unha parcial do 25% —8.050 euros— á concelleira Sonia Varela.

A retribución polos plenos manterase con 120 euros por sesión e 60 por comisións. "Os gastos de locomoción pagaranse a 0,30 euros, pero non se pasarán dietas dentro do municipio", recordou o rexedor, que afronta o seu terceiro mandato con nove edís —un máis— e coas áreas de vías e obras e participación cidadá.

O primeiro tenente de alcalde, Luis Luaña, coordinará as de electrificación, réxime interior, abastecemento de auga, educación e deportes; José Antonio Vázquez, segundo tenente de alcalde, levará patrimonio e medio ambiente; José Manuel Rábade Cacharrón, terceiro tenente de alcalde, coordinará sanidade e servizos sociais; Aurora Braña, muller e familia; Ramiro Parga, medio rural; Marta Lombao, turismo; Lucía Goiriz, xestión urbanística, policía e mocidade, e Sonia Varela, cultura, emprego e promoción e relación cos movementos asociativos.

A candidata á alcaldía polo PSOE, Susana Ferreiro, tomou este xoves posesión do seu cargo ao non poder acudir ao pleno de investidura.

Comentarios