Begonte acondicionará a vivenda dunha escola en Saavedra para fins sociais

O Concello destina 50.000 euros a rehabilitar o primeiro piso do antigo centro de Vilagrande para destinalo a acollidas temporais
2020080314184379894
photo_camera Antiga escola de Vilagrande. C. PÉREZ

O Concello de Begonte converterá a antiga escola rural de Vilagrande, unha das dúas que hai na parroquia de Saavedra, en vivenda, co propósito de reservala para fins sociais, como persoas que atravesen unha situación de urxencia e acollidas temporais.

A primeira fase do proxecto, tras completar o cambio de uso do inmoble, consistirá no acondicionamento xeral do edificio, que data dos anos 60 e leva anos abandonado, e a renovación do primeiro piso, no que se situaba a antiga casa do mestre.

O Concello investirá ao redor de 50.000 euros nesta actuación, que conta cunha subvención da Xunta de Galicia para acometer as obras do inmoble, que xa dispón de subministración eléctrica e auga procedente dun pozo particular.

A primeira planta ten unha superficie total duns 80 metros cadrados, 66 deles útiles. Na actualidade dispón dunha cociña, un salón, un baño e tres dormitorios, ademais do espazo reservado para as escaleiras de acceso, que son interiores.

O proxecto que prevé levar a cabo o Concello de Begonte contempla unha redistribución dos habitáculos existentes, aínda que a cociña, o baño e dous dos dormitorios conservarán a súa localización orixinal, aínda que se optimizará a superficie dispoñible desprazando as paredes e realizando pequenos axustes para facilitar a accesibilidade e aproveitamento do espazo útil.

O principal cambio rexistrarase na zona do futuro salón comedor, que contará con preto de 20 metros cadrados, resultado da fusión do terceiro dormitorio, o antigo salón e un tramo de corredor que agora dá acceso a leste.

A intervención inclúe tamén a renovación da zona das escaleiras en ambas as plantas. No primeiro piso usarase unha pequena sala aberta para habilitar un tendal e na planta baixa aproveitarase un antigo trasteiro para instalar a caldeira.

A mellora complétase coa renovación de portas e fiestras, mentres que nun futuro o Concello confía en poder acometer a reforma do baixo, que hoxe dispón dunha gran aula de 45 metros cadrados, dous aseos e un vestíbulo.

Comentarios