O boom inmobiliario que se desinfla

As axencias da comarca de Terra Chá e As Pontes, que recibiron decenas de solicitudes tras o confinamento do pasado ano, recoñecen que ese interese non se materializou en vendas
undefined
photo_camera Un cartel de véndese' nas Pontes. M.MANCEBO

O 15 de marzo de 2020, hai case un ano, deu comezo un estrito confinamento domiciliario provocado polo covid que deixou por centos de familias encerradas entre catro paredes. Ese insólito feito fixo que moitas se interesasen por buscar casa, un inmoble máis confortable no que afrontar outro hipotético peche.

Con todo, ese boom inicial desinflouse aos poucos, tal e como recoñecen as inmobiliarias da comarca de Terra Chá e das Pontes, que confirman que o interese non foi sinónimo de venda.

"A xente buscaba gangas e non as hai", din desde Atefyco Vilalba, confirmando que "si que houbo moito interese ao principio, sobre todo de xente de fóra de Galicia". "Nesta zona hai moita casa para rehabilitar, pero as cousas están a porse feas, hai moita xente en Erte e o banco só concede o 80%", enumeran, motivos dabondo para que moitos botásense atrás e non se materializasen as operacións.

O prezo actual das vivendas e que a gran maioría ademais require dun importante investimento para a súa reforma son as razóns de Miragaya Xestión de Guitiriz para explicar por que desapareceu ese interese inicial que eles tamén constataron "no verán, cando pasou moita xente a preguntar", afirman, pero "pouca a comprar".

A outra inmobiliaria da capital chairega, J. Roca, defende que as súas cifras son moi similares a outros exercicios, aínda que recoñece que non houbo un repunte das vendas. "O 2020 non foi un mal ano", afirman, recalcando que o que si lles condicionou foron as limitacións de mobilidade polo covid. "Houbo moitas casas que non se puideron ensinar", din.

Un problema ao que tamén tivo que facer fronte Galician Country Homes, de Rábade, que conta con numerosas vivendas e parcelas á venda en Terra Chá. "As restricións complicaron o noso traballo. Ao non poder moverse, houbo algunhas execucións de venda que quedaron paralizadas e estanse retomando agora", indican desde a inmobiliaria máis optimista, na que aseguran que ademais de verse incrementado o interese e o traballo tamén se notou nas vendas".

No caso das Pontes, o confinamento animou a algúns veciños a pasar de piso a casa dentro do municipio, "algo que non adoita ocorrer", explican desde Nexonorte, unha inmobiliaria que incrementou lixeiramente as vendas, aínda que ademais de verse afectada pola pandemia tivo que facer fronte ao anuncio do peche de Endesa. 

No que si coinciden todas as axencias é en que ao coñecerse ese boom inicial foron moitos os que puxeron á venda as súas casas. Vivendas que aínda buscan novos donos. 

Comentarios