lunes. 18.01.2021 |
El tiempo
lunes. 18.01.2021
El tiempo

Unha base de datos recollerá terreos e vivendas á venda en Begonte

Indicadores nun cruzamento en Begonte. ARQUIVO
Indicadores nun cruzamento en Begonte. ARQUIVO
O Concello impulsa este recurso para facilitar o contacto con posibles compradores e loitar contra o despoboamento. Tamén prevé conceder axudas ata un máximo de 3.000 euros

Os últimos dez meses de pandemia mundial reforzaron unha tendencia que no Concello de Begonte xa detectaran incluso antes de que se decretase o estado de alarma, a existencia dun interese á alza por ter unha vivenda na zona rural do municipio. Para aproveitar esta oportunidade e loitar de forma efectiva contra o despoboamento, o goberno local impulsa a creación dunha base de datos que recolla os inmobles ou solares dispoñibles no territorio municipal e facilite os contactos entre vendedores e posibles compradores.

"Estamos tendo moitas consultas de xente que vén preguntar por parcelas á venda para edificar, xa pasaba antes da pandemia, pero agora isto viuse reforzado, a xente quere virse vivir ao medio rural e busca algo para rehabilitar ou para facer vivenda nova", confirma o tenente de alcalde de Begonte, Luis Luaña, quen precisa que, "dentro das posibilidades económicas" das que dispón o Concello, queren facer todo o posible para que esas persoas atopen o que buscan e así elixan Begonte para asentarse e empadroarse.

"A nosa idea é crear unha base de datos onde se poida dar de alta o titular dunha parcela edificable ou dunha casa que se poida rehabilitar para favorecer a realización da transacción, poñendo en contacto ás partes", concreta Luis Luaña.

Máis información: A pandemia impulsa as altas no padrón de Ribeira Sacra e o cinto de Lugo

"Faremos un anuncio para que as persoas interesadas se poidan anotar", apunta tamén o tenente de alcalde begontés, que precisa que esta medida forma parte das que quere poñer en marcha o goberno local para intentar frear a perda de poboación, un problema que afecta á maior parte dos municipios de marcado carácter rural. O obxectivo é, ademais, dobre: lograr atraer novos veciños e fomentar que se recuperen casas que están pechadas nas aldeas.

ATA 3.000 EUROS. Entre as iniciativas a adoptar, e directamente relacionada coa nova base de datos, o Concello tamén prevé regular a existencia de axudas para aquelas persoas que proxecten construír ou rehabilitar unha vivenda no municipio.

"Queremos impulsar o que nos parece que sería unha axuda importante, concedendo subvencións de ata un máximo de 3.000 euros", precisa o tenente de alcalde de Begonte, que avanza ademais que o goberno local xa ten preparada unha nova ordenanza municipal, reguladora da concesión de subvencións para obras de conservación e rehabilitación ou de construción de novas vivendas, que prevé levar a pleno, para a súa aprobación, xa na próxima sesión que se convoque.

"Estamos tendo moitas consultas de xente que vén preguntar por parcelas á venda para edificar", explica o tenente de alcalde

A normativa recolle que poderán beneficiarse destas axudas, que se sufragarán con cargo ao orzamento municipal, tanto as obras de conservación de inmobles deshabitados como as de nova construción de vivendas unifamiliares.

A vivenda obxecto da subvención terá que ser residencia habitual durante un período de polo menos cinco anos —se non se cumpre, terá que devolver o percibido— e non poderá "ser obxecto de cesión a transmisión inter vivos" durante un período de dez anos desde a concesión desta axuda, que será compatible con outras posibles subvencións.

A contía subvencionable corresponderase co 2% do importe do orzamento da execución material da obra que se recolla no proxecto ou memoria valorada, ata un importe máximo de 3.000 euros. As solicitudes someteranse á valoración dunha comisión e, en caso de resolver favorablemente a súa concesión, os fondos entregaranse unha vez se dispoña da licenza de primeira ocupación.

A través desta liña de axudas, que se convocarán publicamente, indicando toda a documentación a presentar, o Concello quere contribuír á dinamización económica do municipio e á fixación de poboación.

Damil e Saavedra, a maior demanda 
Desde o Concello precisan que as parroquias onde máis se nota esta demanda de terreos ou vivenda son as de Damil e Saavedra, ambas ben comunicadas e próximas a núcleos como Lugo, Rábade ou Vilalba, polo que o interese por asentarse nelas é previo á crise sanitaria. 

Calquera punto 
O que trouxo consigo o coronavirus foi tanto un incremento da demanda como unha extensión da mesma, polo que agora "hai interese por calquera punto do municipio", di Luaña, confiando en poder darlle as "máximas facilidades" a toda a xente que queira vivir en Begonte.

Unha base de datos recollerá terreos e vivendas á venda en Begonte
comentarios