O bar A Estación das Pontes despídese tras 25 anos de historia

David García xubílase e non sabe se alguén collerá o local municipal
undefined
photo_camera David García, na barra da Estación. C. ARIAS

O bar A Estación das Pontes bota o peche tras a xubilación do seu responsable, David García, que a pesar de que deixará a barra seguirá sendo xa David da estación para moitos.

"Cando abrín estaba todo deserto, non había nada aquí. A estación de autobuses levaría dous anos aberta, pero non había nin casas no Canal IV", di este hostaleiro, que recoñece que aínda que o traballo nun bar é escravo botará de menos moitas cousas, sobre todo aos seus clientes, aos que non deixa de agradecer a súa confianza.

O bar está nun local municipal do que foi a estación de autobuses —agora reconvertida en edificio de usos múltiples— e iso implicaba moito máis traballo que a barra e as tapas. "É por concesión. Do Concello é o local e a barra, o resto é meu", di David, que espera que alguén o substitúa pronto, aínda que recoñece que as cousas adoitan ir amodo.

"Eu arrisquei, non tiña traballo fixo e foime sempre moi ben. Quédome coa xente que coñecín, nunca tiven un problema", di un home que a pesar de ser de Lousada, en Xermade, xa é tan pontés como calquera. E recorda aqueles tempos nos que tiña que abrir as instalacións da estación ás 6.30 horas e non pechalas antes das 23.00. "Facía consigna, paquetería, limpeza e vendía billetes de Alsa", enumera quen para moitos foi durante anos a fonte de información sobre rutas e horarios de buses.

Comentarios