Bandoleira de berce xermadés

A asociación Roteiros da Carba e Vicente Piñeiro colaboran nun libro que parte da base de que Pepa a Loba nacese e vivise no concello

E se Pepa a Loba naceu en Xermade? E se recibiu ese alcume pola súa improbable amizade cun lobo? E se fose unha vítima de maltrato? Estas e outra premisas inspiran a novela Pepa a Loba, de pastora de ovellas a bandoleira, escrita polo vilalbés Vicente Piñeiro a partir dunha encomenda da asociación Roteiros da Carba.

"Vicente xa fixera cousas sobre Pepa a Loba e falando dela, pensamos se se podería escribir algo sobre a súa historia en Xermade", explica Antonio Riveira, presidente da entidade impulsora dunha publicación que bebe da lenda da presenza da mítica bandoleira en Xermade. No lugar da Abelleira, na parroquia de Lousada, nunha encrucillada de camiños, consérvase unha vella pousada coñecida coma a Casa de Pepa a Loba, que se di que foi o seu refuxio.

A tradición oral mantivo viva a súa lenda, da que Piñeiro é un grande estudoso. Por iso, cando nas conversas con Riveira se abordou a posibilidade de escribir sobre ela, non tivo que meditalo moito. "A Antonio gústalle moito a historia local e preguntou se se podería recuperar a historia de Pepa", lembra o autor sobre as orixes dunha novela que converte a Pepa a Loba en xermadesa, ideando unha nova vida desas moitas que esta célebre bandoleira do século XIX viviu.

"Nace en 1814 e é filla da violación que sufriu súa nai, Falucha, por parte dun tal Albeite, irmán do tendeiro do pobo", precisa sobre as orixes dunha nena pobre que pastoreaba ovellas e cabras nos montes xunto ao seu fiel can Lueiro. Mais a mala fortuna parece acompañar a súa vida, pois queda orfa logo de que súa nai sufra unha segunda violación e embarazo do que morre no parto, tamén lle arrebata ao seu mellor amigo nun ataque do lobo. Porén, o perigoso animal non só lle perdoa a vida, senón que pasa a ser unha sorte de protector, un novo Lueiro. E a partir de entón sempre haberá un lobo preto dela, coidándoa, e dándolle o seu sobrenome.

Ao verse soa con apenas 20 anos, trala morte de súa nai, vai vivir á casa da Abelleira coa súa tía Dorinda, que a converte na súa criada e acaba por venderlla ao tendeiro irmán de seu pai. Ao contrario ca Dorinda, seu tío si se preocupa por ela, e ata busca un estudante para que lle ensine a ler e a escribir. Pepa casa con el, mais a dita dura pouco, pois el maltrátaa e mata ao tío para facerse co seu capital. Inculpa a Pepa, que acaba presa en Mondoñedo por asasinato. Aí, nace a bandoleira.

"Pepa a Loba foxe do cárcere e decide vingarse, botarse ao monte formando unha banda con doce homes que atopa polo camiño —O Tanelo, O Barrera, O Celestino, O Manuel, O Miñoca, O Balbino, O Miro, O Acisclo, O Guapiño, O Aquilino, O Asturiano e O Chafarote—, vagan acompañados por greas de lobos que comanda o Lueiro, por montes, aldeas, vilas e batallas galegas alternando os golpes contra os carruaxes, as facendas, casas de ricos, mosteiros de curas e terratenentes na defensa de inocentes fronte aos asoballamentos de maridos, amos, soldados, gardas, xuíces e sicarios, roubando aos poderosos e defendendo aos indefensos, sobre todo ás mulleres maltratadas nunha especie de Robin Hood á galega", detalla Piñeiro.

Comentarios