A CHAIRA, 15 ANOS: SERVIZOS

A atención aos maiores, unha esixencia que nace da realidade

Tres residencias, un fogar e seis centros de día melloran a atención á terceira idade, que representa case un terzo da poboación 
2015 ▶Inauguración do novo cuartel da garda civil de Cospeito. AEP
photo_camera 2015 ▶Inauguración do novo cuartel da garda civil de Cospeito. AEP
Ollo ao dato
Muimenta conta co único centro de acollida de menores da zona, a casa de familia Fogares Lar, que leva tres décadas a prestar servizo.
Aquel día
O 1 de maio de 2011, o Consorcio Provincial Contraincendios de Lugo poñía en servizo, no polígono Sete Pontes, o parque comarcal de bombeiros de Vilalba, con 22 efectivos —hoxe 19— e un territorio a cubrir de 1.600 quilómetros cadrados pertencentes a dez municipios. Uníase ao xa existente dende 2005 no polígono dos Airíos das Pontes, o parque comarcal do Eume, cuxos once efectivos atenden sete concellos e 713,6 quilómetros cadrados.  
Escrito en pedra
O 30 de xullo de 2020, o pleno de Vilalba aprobaba por unanimidade renderlle un recoñecemento, coa colocación dunha escultura nun espazo público, a Concepción Braña y Rey (1900-1986), Concha da Reina, saldando así unha débeda histórica coa primeira comadroa titulada da comarca, quen por máis de 40 anos axudou a nacer a milleiros de veciños e atendeu ás súas nais. 

Dos 53.654 veciños recollidos polo Ige nos 13 concellos da zona, un total de 16.948 teñen máis de 65 anos. Un 31,6%, ou o que é o mesmo, practicamente un tercio da poboación, está en idade da xubilación. Só dous concellos, As Pontes (25,8%) e Vilalba (29%) baixan da simbólica barreira do 30% que marca Meira, mentres que outros, como Abadín (42%), Muras (42,5%) ou (Ribeira de Piquín (44,6%) superan incluso o 40%.

Á vista destas estatítiscas, non resulta sorprendente que unha das prioridades municipais nos últimos anos sexan os servizos sociais e, dentro destes, mellorar a atención das persoas maiores. Cando esta Chaira daba os seus primeiros pasos, só había catro residencias de maiores na contorna, ningunha delas pública, aínda que si con concertos coa Xunta: o histórico Hospital Asilo de Vilalba, que data dos anos 30; a actual DomusVi de Castro de Ribeiras de Lea, que abría en 1997, e as dúas postas en marcha en 2001, La Magdalena de As Pontes e a da Fundación San Rosendo de Bretoña (A Pastoriza). Entre todas hoxe suman 463 prazas.

Xa daquela se falaba dun proxecto xeriátrico en Castro de Rei, co apoio de Mensajeros de la Paz, pero houbo que agardar ata 2014 para que a residencia San Xoán, habilitada nunha parte do colexio Ramón Falcón, se fixese realidade. En 2020, Troncoso asumía a xestión deste centro municipal que ten 53 prazas, 34 residenciais e 19 para persoas con discapacidade gravemente afectadas. 

Hai máis dunha década, a Deputación de Lugo apostou por impulsar a construción de varias residencias con centro de día en doce municipios, entre eles Pol, Meira e Guitiriz. Non sería ata 2019 que se abrise a primeira destas tres, en Mosteiro, con 54 prazas, 36 de residencia e 18 de centro de día. E se os prazos se cumpren, este verán entrará en funcionamento a meirega, con 30 prazas para persoas internas e 20 no centro de día.

Pola contra, todo o que podía ir mal no proxecto guitiricense, foino. E algunha cousa máis, tamén. Logo de ter que tirar a Casa da Botica e de chegar a un acordo coa empresa adxudicataria para rescindir o contrato no que vai de 2021, a Deputación está a refacer o proxecto, adaptándoo á nova realidade, para despois volver licitar as obras. O obxectivo é que estea lista ao acabar este mandato, en 2023.

Entre iniciativas privadas que nunca chegaron a materializarse, houbo unha que si o fixo. En 2018, na parroquia cospeitesa de Támoga, tres socias abrían Avime Fogar, unha casa comunitaria para persoas maiores con doce prazas.

No tocante aos centros de día, poderíase dicir que estes 15 anos son un antes e un despois. En 2006 non había ningún e hoxe existen media ducia que suman 176 prazas. O primeiro e o último en porse en marcha son froito da iniciativa municipal. O de Guitiriz (doce prazas) comezaba a funcionar en 2008, e unha década máis tarde estreaba instalacións na Casa do Capataz, e o de Ribeira de Piquín (24) inaugurábase en 2019 nunha parte do antigo colexio

Entre 2009 e 2012, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar abría os de Abadín (40), Begonte (30), Cospeito (40) e As Pontes (30 prazas). O que segue sendo unha promesa pendente é o de Vilalba, con proxectos que non callan e un clamor popular demandándoo. De feito, xa se ía abrir no que hoxe é a Unidade de Alzhéimer, xestionada pola fundación Hospital Asilo, que oferta 15 prazas dende 2017.

Tan relevante coma os centros é a asistencia domiciliaria. O SAF converteuse nunha ferramenta imprescindible á que os concellos destinan boa parte do orzamento da área social. Tamén hai servizos complementarios, coma o Xantar na Casa, un programa do Consorcio ao que acaba de sumarse Guitiriz e que xa funcionaba en Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Meira, Muras, Pol, Ribeira de Piquín, Vilalba e Xermade.

É importante tamén a atención sanitaria de proximidade. Este ano, os veciños das Pontes, cun ambulatorio que acaba de remodelarse, veñen de recibir a boa nova que supón recuperar as dúas prazas de pediatría, longamente demandadas, mais raro foi o ano no que non houbese algunha protesta pola falta de persoal nos centros de saúde. Foron soadas as dos veciños de Muimenta e, xa coa pandemia, as dos de Parga, contrarios a unha perda de servizos supostamente temporal, que tamén están a sufrir en Castro de Rei ou en Baamonde. E a Bretoña hai anos que non van pacientes.

OUTROS. Os servizos sociosanitarios son fundamentais para garantir a calidade de vida no rural, pero hai outros non menos importantes, coma a recollida de lixo, na que se avanzou con puntos limpos, reciclaxe selectiva, recollida de plásticos a domicilio ou fomento da compostaxe, pero na que quedan moitos pasos por dar, igual que en servizos dixitais. Internet é unha ferramenta básica, mais resulta difícil sacarlle proveito cando hai sitios nos que nin a cobertura telefónica é boa.

No tocante á seguridade cidadá, estreouse un cuartel e melloráronse outros, mentres que no terreo da atención ás emerxencias, a comarca viu por fin cumprida a promesa de ter un parque de bombeiros, que xa superou as 2.000 intervencións. Tamén se duplicaron as agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Había catro antes de nacer A Chaira —As Pontes, Vilalba, Meira e Pol—e hoxe son sete, coa creación das de Guitiriz, Xermade e Ribeira de Piquín. 

O que non acabou ben foi o proxecto do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). Prestaba servizo a Begonte, Xermade, Friol e Guitiriz, coa sede neste último concello, que renunciaba a el no medio da polémica tras pouco máis dun lustro operativo.

Protagonista
imgDataLuis Abelleira Mayor. O lugués preside Cruz Vermella en Lugo e Fudace, entidades que sosteñen o centro de dano cerebral de Castro de Ribeiras de Lea, que suma unhas 90 prazas entre os seus distintos servizos. Ademais, impulsa o centro de atención a persoas con transtorno ou patoloxía dual, nun edificio de nova construción no mesmo recinto, no que se investiron 1,8 millóns e que ofrece 16 prazas. A atención a persoas con discapacidade complétase cos servizos que ofrecen Aspanaes —conta con colexio, centro de día e residencia— e A Xanela, nas Pontes; o centro ocupacional de Vilalba, e a asociación Alume en Guitiriz.

Comentarios