A asociación de queixeiros do San Simón organiza un novo concurso de tapas

Os bares que queiran participar teñen de prazo para anotarse ata o venres. A cita será do 21 ao 31 de marzo

Queixo de San Simón da Costa. ARCHIVO
photo_camera Queixo de San Simón da Costa. ARCHIVO

A asociación de queixeiros de Vilalba está ultimando os preparativos do que será o XII Concurso de Tapas do Queixo San Simón da Costa, un certame gastronómico que busca poñer en valor un dos produtos estrela da comarca da Terra Chá, e que se desenvolverá do 21 ao 31 do vindeiro mes de marzo.

Os negocios de hostalaría interesados en participar terán de prazo ata este vernes, día 22, para anotarse. Deberán facelo chamando aos teléfonos 665.98.34.10 e 692.84.33.13 ou enviando un correo electrónico a [email protected] ou [email protected].

No email terán que indicar o nome do establecemento e da tapa, ademais da categoría na que desexan participar e os días nos que pecha o establecemento.

O requisito indispensable para poder concursar é que os negocios elaboren unha proposta gastronómica cuxo ingrediente principal sexa o queixo de San Simón da Costa, en caso contrario quedarán automaticamente descalificados.

Como en edicións anteriores, haberá dúas categorías. A tapa tradicional, que terá prezo único de 1,50 euros, e a tapa creativa, cuxo custo partirá de 2,50 euros.

Os negocios loitarán por sorprender coas súas propostas ao público -que tamén entrará nun sorteo de agasallos- e a un xurado de expertos, que outorgarán cos seus votos os premios ás dúas mellores tapas. A entrega de galardóns realizarase o 6 de abril, ás 19.00 horas, despois do pregón da tradicional festa vilalbesa.

Comentarios