Terra Chá Sostible denuncia dúas plantacións "ilegais" de eucalipto de máis de 100 hectáreas

A asociación asegura que cobren 64 parcelas nos concellos de Begonte, Outeiro de Rei, Lugo, Castro de Rei e Friol
Un bosque de eucaliptos. AEP
photo_camera Un bosque de eucaliptos. ARQUIVO

A asociación Terra Chá Sostible presentou dúas denuncia ante a xefatura territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo pola existencia de dúas plantacións "ilegais" de eucalipto que ocupan máis de 100 hectáreas en cinco municipios de Lugo, a súa comarca e A Terra Chá. Nun comunicado emitido este mércores, o colectivo sinala que estas plantacións, que atribúen á "falta de control" por parte da administración, cobren 64 parcelas de carácter agrario nos concellos de Begonte, Outeiro de Rei, Lugo, Castro de Rei e Friol. 

A asociación advirte da "escaseza" de terras para os gandeiros por culpa deste tipo de plantacións "ilegais", que fan que as parcelas dedicadas á produción agrogandeira "sufran unha excesiva intensificación, con gran uso de pesticidas e emendas químicas que terminan contaminando as augas e acuíferos". 

Así mesmo, a plataforma tamén denuncia a realización de tallas de carballos "para convertelas en terras agrícolas" á vez que parcelas dedicadas á produción agrogandeira "transfórmanse ilegalmente a eucalipto". 

Neste sentido, Terra Chá Sostible considera que o "problema" co eucalipto e a falta de extensións para produción agrogandeira excede o ámbito "paisaxístico" e chega ao plano "ambiental e social" e encamíñase tamén a converterse "nun problema económico". 

Comentarios