A asociación Avelino Díaz entregou na tarde deste venres, no salón de plenos de Meira, os premios da terceira edición do Certame de Debuxo e Poesía Avelino Díaz, na que o xurado recoñeceu un total de once traballos.
Os alcaldes de Meira, Antonio de Dios, e Riotorto, Clemente Iglesias, participaron na entrega de premios xunto a representantes da entidade organizadora e o xurado, integrado por María José Fernández, Jesús Trashorras, Tomás Cuesta e Federico Cachafeiro.
Na categoría de debuxo, de tres a oito anos, o primeiro premio levouno Claudia Fernández Parente, de Ribeira de Piquín, mentres Naiara Arijón Sánchez e Uxía España Vázquez, de Coristanco, foron segunda e terceira. Ademais, o pastoricense Hugo Iglesias recibiu un accésit.
En canto aos galardóns de poesía, na categoría de nove a doce anos foron recoñecidos os traballos presentados por Rut Busto Domínguez, de Ames, Ionela Hotopila, de Riotorto, e Xavier Gómez López, de Lugo.
De 13 a 17 anos concedeuse un único premio, para Natalia González Gómez, de Outeiro de Rei, mentres que en adultos a gañadora foi Natalia Lema Otero, de Vimianzo, seguida do vilalbés Martiño Maseda e o lucense Xosé Otero Canto. Tamén se concedeu un accésit a Xosé Lastra, de Ortigueira.
Os galardoados levaron diplomas, lotes de libros, tablets ou material escolar, ademais de diñeiro en efectivo no caso dos adultos.