Asaltan por aluaxe unha nave do polígono de Castro e levan diñeiro e mantas

Os ladróns estrelaron un coche de madrugada contra a entrada principal para acceder ao interior e causaron importantes desfeitas
2020011814421577558
photo_camera Entrada da nave de Castro na que encaixaron o vehículo. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ

O polígono industrial de Castro de Ribeiras de Lea sufriu un novo roubo nunha das súas empresas. Os ladróns entraron á nave, na madrugada do mércores ao xoves, empregando o método do aluaxe, é dicir, encaixando un vehículo contra a entrada principal. Unha vez que accederon ao interior, levaron diñeiro en metálico e algúns artigos que estaban á venda, como edredóns e mantas, tal e como detallaron desde a Garda Civil.

Segundo explican desde a empresa, que se decataron do asalto "pola mañá, cando viñamos traballar", foron máis "os estragos que causaron que o que roubaron", xa que os cacos esnaquizaron por completo o portón acristalado e o enreixado metálico. Así mesmo, e como solución temporal ata instalar un portal novo, os propietarios colocaron palés e un big bag de area na zona danada e habilitaron un acceso por outra entrada para os clientes e os traballadores.

Os axentes da Benemérita están a investigar os feitos e cuantifican as perdas nuns 10.000 euros porque, ademais das desfeitas causadas, os amigos do alleo subtraeron diñeiro en efectivo, mantas, edredóns e a caixa rexistradora.

Esta non é a primeira vez que esta empresa, que se dedica principalmente á subministración de pensos, á ferraxería e á venda de roupa de traballo, sofre un roubo. "Hai xa varios anos que nos entraron outra vez", recordan desde o negocio chairego.

OUTROS ROUBOS. O saqueo desta semana súmase a unha longa lista de roubos no polígono industrial de Castro de Ribeiras de Lea, a pesar de que o Concello instalou cámaras de seguridade co obxectivo de disuadir aos cacos.

No pasado mes de novembro, os delincuentes entraban na fábrica de Patatotas co método da aluaxe e levaron un botín de 1.000 euros.

Máis recente foi o asalto a unha nave de máquinas expendedoras. Foi a principios deste mes cando subtraeron uns 1.400 euros tras empregar a mesma técnica que nos casos anteriores.

Comentarios