A técnica de construción tradicional de pedra seca será o primeiro ben de Galicia en ser incluído na lista representativa do patrimonio inmaterial da Unesco, ao formar parte dunha candidatura internacional conxunta con outras sete comunidades e que está liderada por Chipre e Grecia.
Así o decidiron este mércores os representantes deste organismo na súa reunión anual do comité intergobernamental de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial celebrada en Port-Louis, na República de Mauricio.
Por parte da Xunta, participou a directora xeral de Patrimonio Cultural, Carmen Martínez Ínsua. Xunto a Galicia forman parte desta candidatura Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Estremadura, Cataluña e Valencia. Ademais de España están países como Grecia, Chipre, Suíza, Croacia, Eslovenia, Francia e Italia.
Esta técnica, que prescinde de calquera argamasa ou morteiro, resulta especialmente relevante nas comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, Terra Chá e Ribeira Sacra.