Recunchos a descubrir

Área recreativa de Xustás: o lugar de recreo do gañador de tres Goyas

Aínda que naceu en Lugo, a Luis Tosar sempre lle gusta dicir que é desta pequena parroquia cospeitesa, onde ao pé do río Miño están as historias da infancia e a adolescencia do actor galego máis laureado
Ponte sobre o río Miño, na área recreativa de Xustás. M.MANCEBO
photo_camera Ponte sobre o río Miño, na área recreativa de Xustás. M.MANCEBO
Localización
A estrada LU-113, de Rozas a Abadín, conduce ata a área recreativa de Xustás, unha parroquia cospeitesa que limita coa localidade de Castro de Ribeiras de Lea.
Festas
O campo da festa, no que aínda permanece en pé un vello palco, adoita acoller as patronais de Santiago e a Festa da Muller, promovida pola asociación Xente de Xustás.
Curiosidade
As orixes familiares de Luis Tosar están neste pequeno recuncho chairego. No ano 2011, promoveuse un acto no que se lle concedeu a distinción de ‘Veciño senlleiro’.

 

"O río, o adro, o cemiterio... Son os sitios onde eu pasei algúns dos mellores momentos da miña vida". Así se expresaba hai unha década Luis Tosar na homenaxe que asociación veciñal e a Deputación lle fixeron na súa terra, Xustás.

XUSTÁS (61)

Aínda que naceu en Lugo, ao actor galego máis laureado sempre lle gusta dicir que é desta pequena parroquia cospeitesa, porque é aquí, na contorna da súa área recreativa regada polas augas do pai Miño, onde están as historias da súa infancia e adolescencia.

Un lugar cargado de recordos imborrables para o gañador de tres premios Goya, pero tamén para moitos outros veciños e visitantes que tiveron a ocasión de desfrutar deste fermoso remanso de paz.

Trátase dunha área recreativa ideal para bañarse unha tarde de verán calquera ou para desfrutar dunha merenda campestre en familia ou rodeados de amigos. 

Ademais de dispoñer de varias zonas de mesas e unha impoñente ponte chea de vexetación, que é punto de encontro de moitos pescadores, ao pé do campo da festa ubícase a igrexa parroquial de Santiago, unha pista polideportiva e dous inmobles que foron escola e hoxe son os lugares de reunión duns veciños orgullosos do seu tanto ou máis que o está Tosar.

Comentarios